118 personas optan a traballar este verán na vixilancia das praias de Sanxenxo
Por Redacción
Un total de 118 persoas teñen presentando a súa solicitude para participar na selección do persoal que se encargará o próximo verán de vixiar as praias do municipio de Sanxenxo. O equipo estará formado por 60 socorristas e sanitarios, así como por un coordinador. Todos eles se ocuparán de atender as necesidades propias da tempada estival dada a elevada afluencia de usuarios aos areais, distinguidos novamente con 14 bandeiras azuis.
Os 90 aspirantes a socorristas e os 28 candidatos a sanitarios deberán superar o mércores os exames teóricos que se desenvolverán a partir das 9.00 horas no Pazo Emilia Pardo Bazán.
As persoas que optan aos postos de sanitarios terán que realizar tamén unha demostración de reanimación cardio-pulmonar básica e contestar a un test sobre pautas xerais ante un accidentado, valoración do accidentado, reanimación cardio-pulmonar, arterioesclerose-aterosclerose, hemorraxias, feridas, traumatismos e politraumatismos, shock, cadros convulsivos, trastorno pola calor, lesións e trastornos polo frío, intoxicacións pola vía dixestiva, picaduras e mordedelas, intoxicacións por drogas, transportes de accidentados e asfixias.
Pola súa banda, os que pretenden traballar como socorristas mostrarán os seus coñecementos acerca de primeiros auxilios e ademais sobre temas relacionados co salvamento acuático como os seus principios xerais, secuencia de actuación, técnicas de entrada na auga, flotacións, técnicas de natación adaptadas, mergullo, técnicas de control e de remolque directas, de utilización do material de rescate, técnicas para o rescate de accidentados de columna, de respiración artificial no medio acuático, de extracción de accidentados, de salvamento acuático en espazos naturais e comunicacións.
Posteriormente, a partir das 11.30 horas, desprazaranse á praia de Montalvo para efectuar as probas físicas que consistirán en correr 100 metros pola area co material de salvamento (aletas e flopi), entrar na auga e nadar 200 metros ata unha boia, onde deberán pechar o flopi ao manequín e percorrer outros 200 metros con el pechado ata a beira e superar outros 100 metros de carreira pola praia portando as aletas e o flopi.