Tarda 40 días en denunciar unha agresión porque estaba recuperándose no hospital
Por Natalia Puga
Un home tardou 40 días en denunciar na Comisaría de Pontevedra que sufrira unha agresión no casco histórico. Non tardou en decidirse, senón que tardou ese período en recuperarse das lesións sufridas.
A Policía Nacional tardou menos en identificar e deter o seu presunto agresor, unha semana. Resultou ser un veciño de Pontevedra de 27 anos con antecedentes policiais ao que se acusa dun delito de lesións.
A denuncia chegou á Comisaría o 13 de novembro. A suposta vítima acudiu a dependencias policiais asegurando que o 3 de outubro un individuo o agredira mentres camiñaba pola rúa Princesa.
Segundo denunciou, estaba a pasear e, de súpeto, saíulle ao paso un individuo co torso nu. Sen mediar palabra, comezou a darlle puñazos e logo afastouse do lugar.
Non obstante, non rematara a súa agresión. Minutos despois deuse a volta e volveu agredilo, esta vez nunha perna e con tal forza que rematou cun nocello roto.
O home tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital e ser intervido cirurxicamente. Debido á operación de nocello e ao seu ingreso hospitalario non puido interpoñer a denuncia antes.