O Xurado de Expropiación eleva en 600.000 euros o prezo dos terreos expropiados en Pasarón
Por Alejandro Espiño
As expropiacións realizadas no ámbito do estadio de Pasarón volven a primeira plana da actualidade. E todo porque o Xurado de Expropiación de Galicia elevou nuns 600.000 euros a cantidade na que valora o terreo no seu conxunto. O Concello de Pontevedra abonara aos propietarios das dez parcelas (todas menos a que ocupaba o antigo taller) 1.356.825 euros. Agora este organismo fixa o prezo en 1.957.000 euros.
Ante esta decisión cabe recurso e o concelleiro de Facenda, Raimundo González, anunciou que o Concello de Pontevedra exercerá o seu dereito. Explicou que o Xurado de Expropiación fixou os prezos cos valores catastrais de 2011 cando o expediente se iniciou en 2005 "e ningún dos propietarios puxo en tela de xuízo a data de valoración". Cabería, polo tanto, taxar os terreos sobre a base dos valores anteriores, que precisamente foron modificados en 2011.
En concreto, a parcela na que se encontraba a última casa en ser derrubada e que xerara un conflito entre o Concello e a súa propietaria, foi taxada polo goberno municipal nuns 142.000 euros, e agora o xurado eleva o seu prezo ata os 164.767 euros. Trátase dun aumento similar ao que rexistran o resto dos terreos expropiados.
En todo caso, o Concello de Pontevedra alegará contra esta nova taxación das dez parcelas e en caso de ser necesario presentará un contencioso administrativo.
OUTROS ASUNTOS
A Xunta de Goberno acordou tamén contratar obras de ensanche do vial entre A Igrexa e Casasnovas (Mourente), que unirá a N-541 coas inmediacións da igrexa parroquial. Investiranse 241.910 euros nunha actuación que foi cualificada como prioritaria polo Consello Parroquial. Estes traballos buscan mellorar o núcleo de centralidade desta parroquia pontevedresa, onde se desenvolve gran parte da actividade veciñal.
Ademais, con motivo da Marcha contra ENCE-ELNOSA que a Asociación Pola Defensa da Ría organizará o próximo sábado 21 de xuño, o goberno local aprobou unha declaración institucional na que insta ao Goberno a non conceder ningunha prórroga ao complexo industrial máis alá de 2018. Nela, anima os pontevedreses a secundar esta mobilización, que se celebrará por décimo noveno ano consecutivo.