Os comuneiros de Cobres prohiben o acceso de vehículos ao monte polas pistas forestais
Por Redacción
A Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres ven de instalar nos principais accesos ao monte desde núcleos habitados uns paneis informativos onde se dá conta da prohibición de acceso con vehículos a motor segundo dispón o artigo 98 da Lei de Montes de Galicia vixente desde xuño de 2012.
Segundo o citado artigo, todos aqueles vehículos que non sexan de carácter agroforestal e que pertenzan a propietarios de parcelas forestais, os propios comuneiros da parroquia ou cazadores, teñen prohibido o acceso e tránsito polos viais forestais. Estes deberán solicitar unha autorización por parte desta comunidade de montes.
Esta medida adóptase tras verificar o contínuo tránsito de quads, todoterreos e motos polos seus viais e cortalumes, provocando un deterioro notable nas pistas forestais, co custo económico para os comuneiros de ter que todos anos destinar unha importante partida económica para o seu mantemento.
"Principalmente son agresivos co medio o tránsito de quads e motos, xa que acceden a cortalumes ou vías de saca de madeira dende os viais destruindo as cunetas coa consecuencia de que as augas pluviais baixan polo medio das pistas deteriorándoas gravemente".
ANDAINA
Por outra banda tamén informan que a andaina prevista para o sábado pasado que se suspendeu debido ao mal tempo foi trasladada ao sábado 21 de xuño a partir das 4 da tarde con saída dende os muiños de Paradellas.
O roteiro proxectado ten unha lonxitude de case 7 quilómetros e unha vez chegado ao miradoiro de Cotorrredondo ofrecerase aos asistentes un refrixerio para recuperar forzas antes do descenso ata o lugar de Vilar.
Os interesados en participar deberán anotarse a través da web montesdesantacristina.org.