Batalla de surfinias e xeranios nos balcóns
Por Redacción
Mil plantas da clase das surfinias e xeranios colgantes decorarán a partir do próximo sábado 14 de xuño un mínimo de 140 balcóns do casco histórico de Pontevedra. Competirán con conseguir un recoñecemento que se ofrecerá por primeira vez nesta cidade, o Concurso de Decoración de Fachadas e Balcóns do centro histórico.
Máis de 140 veciños inscribíronse xa para participar na primeira edición desta iniciativa, que organiza a Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo e que valorará o mantemento dos espazos decorados durante todo o verán, ata o 14 de setembro. O primeiro premio está dotado con 600 euros, o segundo con 400 euros e o terceiro con 300 euros.
O xurado avaliará especialmente a disposición de flores e plantas localizadas en maceteiros, o equilibrio no crecemento das plantas, a combinación cromática, a orixinalidade da composición e impacto visual na fachada do inmoble, dimensións e elementos de calidade ornamental.
Este sábado celebrarase na Casa da Luz (en horario de 10.00 a 13.00 horas) un curso de formación sobre composición floral e coidado das plantas. A continuación, repartiranse 1.000 plantas, un máximo de sete a cada persoa inscrita no concurso. Poden recollerse na mesma Casa da Luz entre as 9.30 e as 13.30 horas.
O concurso está dirixido a todos os veciños ou comerciantes titulares de balcóns, fachadas ou fiestras visibles dende a vía pública e que cumpran coa normativa en materia de conservación e seguridade. Fora de concurso xa anunciaron a súa participación dez institucións, entre elas, o Consello Regulador das Rías Baixas, o colexio San Xosé, o Arquivo da Deputación, a Delegación do Ministerio de Economía e Facenda, a Universidade de Vigo coa Casa das Campás, a empresa pública de servizos agrarios da Xunta (Seaga), UGT e o Casino Mercantil e Industrial.