CIG revalida a maioría absoluta no comité de empresa das instalacións Froiz en Lourido
Por Redacción
A CIG amplía a súa maioría sindical no comité de empresa do almacén central de Supermercados Froiz en Lourido (Poio). Nas eleccións celebradas nos últimos días, a central nacionalista logrou seis delegados, un máis que nos comicios pasados. Os outros tres delegados foron para Comisións Obreiras, que logrou dous, e USO que gañou o delegado do colexio técnico.
Desde CIG-Servizos cualifican esta vitoria como unha "lección de dignidade e firmeza" dos traballadores fronte á campaña iniciada pola dirección de Froiz "para evitar que a CIG revalidase a maioría absoluta" nunha das súas principais infraestruturas. O censo destas eleccións sindicais estaba composto por 183 traballadores no colexio de especialistas (chóferes, dependentes ou auxiliares) e 21 no de técnicos.
Os nacionalistas sinalan que apostaron por una campaña centrada en sinalar a importancia de que os traballadores tivesen o control do comité de empresa para combater os efectos da reforma laboral en materia de horarios ou mobilidade funcional, entre outros.
O novo comité, aseguran, seguirá o camiño trazado polo anterior en materia de mellora das condicións de seguridade laboral, hixiene e horarios, e deberá confrontar, de novo, "coas pretensións regresivas da patronal".