Louro acusa o PP de mentir de "xeito asqueroso" sobre as prórrogas de contratos de limpeza
Por Redacción
O tenente de alcalde, Antón Louro, e o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, cualificaron de mentiras as afirmacións do Partido Popular nas que culpaba os socialistas de comportarse de "forma similar" ao alcalde de Pontevedra na concesión de prórrogas de contratos de servizos municipais, "obviando con frecuencia los reparos realizados por los técnicos municipales".
Segundo os populares, as prórrogas dos contratos de limpeza do edificio de Sor Lucía e da Escola infantil da Parda contaban con informes técnicos en contra. Pero Antón Louro sinala que o PP "minte dun xeito escandaloso e asqueroso" alegando que a decisión foi tomada pola Xunta de Goberno apoiándose no informe favorable da xefatura de contratación, que deixaba sen validez o reparo realizado por Intervención porque a empresa Eurobrik presentara a documentación con días de atraso. Segundo Louro, a prórroga realizouse con todas as garantías na corrección do procedemento.
Tamén Agustín Fernández, concelleiro de Deportes, quixo referirse á renovación da explotación do complexo das piscinas de Campolongo que tamén critican os populares alegando que se decidiu prorrogar a explotación porque se encontran cun procedemento administrativo moi complicado porque o seu obxectivo é que a explotación das piscinas de Campolongo e do complexo lúdico da Parda corra a cargo dunha mesma empresa que asuma as obras de ambas as dúas instalacións.
Por ese motivo asumiuse a prórroga do contrato, que se limita ao tempo imprescindible que leve a adxudicación e que finaliza o 30 de decembro de 2014. Indicou que hai 50 postos de traballo e máis de 6 millóns de euros pendentes desas obras, que "o PP deixou a medio facer" referíndose ás instalacións da Parda. E engadiu que "o PP vai agora de mamporreiro facendo o traballo sucio ao seu xefe".
Precisamente o concelleiro de Deportes avanzou que o anteproxecto del parque da Parda se levará, antes de que finalice este mes, á xunta reitora do IMD.