Alarma no Porto de Marín tralo incendio dunha retroescavadora nun almacén de cereais
Por Redacción & Diego Torrado
Un incendio nunha retroescavadora que se atopaba no interior dunha nave do Porto de Marín mobilizou este martes un amplo dispositivo de seguridade. O vehículo, utilizado para mover os cereais que se almacenaban nela, comezou a arder provocando unha enorme fumareda. A explosión das súas rodas produciu ademais un gran susto nas inmediacións das instalacións portuarias.
O suceso produciuse sobre as 15.49 horas deste martes nunha nave propiedade da compañía Ceferino Nogueira. O lume provocou diversos danos tanto no vehículo como nas instalacións. Segundo informa o 112 Galicia, no incendio botouse a perder tamén parte do gran almacenado.
O incendio foi controlado, vinte minutos despois, por varias dotacións de bombeiros dos parques de Pontevedra e O Morrazo que acudiron a sufocar o incendio, tras o cal dedicáronse a ventilar o almacén.
Ao lugar do incidente trasladáronse tamén unidades da Policía Portuaria, Policía Local e Protección Civil de Marín, axentes da Garda Civil e unha ambulancia do 061, que finalmente non tivo que intervir ao non haber feridos.
O operativo despregado foi supervisado polo presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa, que se desprazou á zona tras coñecer o sucedido.