O responsable do deseño da 'Misión a Marte' da NASA impartirá unha conferencia en Pontevedra
Por Redacción
O Teatro Principal acollerá o próximo mércores 6 de agosto, a partir das 20.30 horas, unha conferencia de Fernando Abilleira. Trátase do responsable do deseño e navegación da misión InSight da NASA, máis coñecida como a 'Misión a Marte'. Esta conferencia está organizada polo Concello de Pontevedra no marco do convenio que asinarán coa Universidade de Vigo para o lanzamento dun satélite para o control dos montes e dos caudais de auga dos ríos.
Segundo explicou César Mosquera, "dase a feliz coincidencia de que Fernando Abilleira vai visitar Pontevedra este verán para coñecer a súa orixe galega". De feito sinalou que, a pesar de nacer en Madrid e mudarse aos Estados Unidos moi novo, ten raíces na parroquia de Lérez.
Aproveitando a súa estancia na cidade e logo de acordar a súa intervención coa NASA, para quen traballa, ofrecerá unha conferencia que leva por título O desafío de aterrar o rover Curiosity en Marte. Estará presentada por Fernando Aguado, investigador da Universidade de Vigo, e terá unhas dúas horas de duración, xa que está previsto pasar imaxes da expedición.
O Concello iniciará unha campaña de difusión entre os centros de ensino e a universidade para que todos os alumnos interesados poidan asistir a esta conferencia, que é de balde. Está pensada, especialmente, para os estudantes de Tecnoloxía en Secundaria e tamén de Telecomunicacións, entre outros.
Relacionadas:
-
Nasa, aquí Sanxenxo, me escoitas?
Por Redacción |
-
Marte e Pontevedra, máis preto que nunca grazas o enxeñeiro da NASA Fernando Abilleira
Por Redacción |
-
Fernando Abilleira, dende Lérez ata Marte: "El cielo es el límite"
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra probará nanosatélites para controlar en tempo real o estado dos seus ríos
Por Alejandro Espiño |