Máis de 120 escolares realizarán actividades de verán coa Cruz Vermella de Pontevedra
Por Redacción
Cruz Vermella Xuventude pon en marcha, un ano máis, diversas actividades para máis de 120 escolares de Pontevedra durante este verán.
O luns 23 de xuño comeza a formación básica de voluntarios en Intervención e Inclusión Social. E a partir do 1 de xullo poñerase en marcha a Ludovermella para nenos de 6 a 13 anos. Desenvolverase os martes e xoves en horario de 10.30 a 12.00 horas para os menores de 10 a 13 anos e de 12.00 a 13.30 horas para os menores de 6 a 9 anos. Na urbanización de Monte Porreiro esta actividade tamén se realizará os martes e xoves en horario de 11.00 a 12.30 horas para os nenos de 6 a 13 anos. Ao redor dun centenar de nenos poderán gozar de xogos e actividades durante hora e media, dous días á semana durante xullo e agosto.
Este ano tamén entra en funcionamento o Proxecto Estudo para os menores que teñan dificultades polo curso escolar. As familias deberán realizar unha entrevista de acollida do programa desta actividade que se desenvolverá os luns e mércores a partir do 30 de xuño.
Os nenos maiores, con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos, poderán participar do Proxecto Pineo en que, todos os venres a partir do 4 de xullo ata setembro, os mozos asistirán a sesións de formación para o coidado de terceiras persoas.
Durante todo o verán continuará o proxecto de animación hospitalaria infantil no servizo de pediatría do Complexo Hospitalario. E, por último, para finalizar o verán levarase a cabo o campamento urbano dirixido a 45 nenos de 8 a 13 anos. Realizarase dende o 25 ata o 29 de agosto.
O prazo de inscrición para as actividades xa está aberta e todas son gratuítas.