Agustín Hernández, novo alcalde de Santiago; Jacobo Moreira ao Parlamento?
Por Alejandro Espiño
A caótica situación política que se vive en Santiago de Compostela podería causar movementos colaterais en Pontevedra. Agustín Hernández, actual conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, será o novo alcalde da capital galega. Substituirá a Anxo Currás, que sucumbiu á presión á que estaba sometido desde o seu propio partido trala renuncia de nove dos seus edís, condenados ou imputados en casos de corrupción.
Agustín Hernández será o terceiro alcalde de Santiago nesta lexislatura e esta nova responsabilidade obrígalle a abandonar o seu cargo na Xunta de Galicia e o seu escano no Parlamento autonómico. E aquí é onde entra a variable pontevedresa. Jacobo Moreira, que concorreu ás eleccións galegas no posto 16 da candidatura do PPdeG pola provincia de Pontevedra, debería ser o seu sustituto no Pazo do Hórreo.
Pero Jacobo Moreira, preguntado por PontevedraViva, asegurou que aínda non tomou a decisión de se aceptará o posto. Asegura que non tivo tempo para pensalo, xa que soubo esta mesma tarde que Agustín Hernández ía ser o novo alcalde de Santiago. "Es todo tan reciente que ni me lo he planteado aún. Estoy muy volcado con Pontevedra y es lo único que se me pasa por la cabeza", afirmou.
Tras reiterar que Pontevedra é a súa prioridade e que non quere que o escano autonómico lle quite tempo ás súas responsabilidades como portavoz do PPdeG na corporación local, Moreira avanzou que tomará a decisión nuns días, tras consultalo, entre outros, coa dirección do partido e cos seus compañeiros do grupo municipal.
No caso de que acepte ir ao Parlamento, sería a segunda vez que Jacobo Moreira entraría na Cámara autonómica. Xa se converteu en deputado autonómico en xuño de 2011, cando substituíu a José Fervenza, que abandonou o seu escano tras ser elixido alcalde de Moaña. Entón estivo máis dun ano compatibilizando esta responsabilidade coa portavocía do partido en Pontevedra.