Cuspedriños rememora a súa historia
Por Redacción
Cotobade regresou un ano máis a mediados do século XX. Esta viaxe no tempo estase a converter xa en cita obrigada de cada mes de xuño e este domingo, a pesar da chuvia, veciños e foràneos responderon á convocatoria. Chegaron dous autobuses de época. Chegaron os artesáns, gandeiros e comerciantes. Chegaron os veciños ataviados coma se se tivesen mergullado nos armarios dos seus avós. Regresou a Feira Tradicional de Cuspedriños, en San Xurxo de Sacos.
A chuvia minguou levemente a asistencia con respecto a anos anteriores, pero, na súa oitava edición, a festa non se viu deslucida e os que se animaron a achegarse ata Cuspedriños aplaudiron a recreación da cita tradicional. Mentres, o alcalde, Jorge Cubela, agradeceu que malia o mal tempo a xente se animase a responder e a boa resposta dos que instalaron os seus postos de comida e artesanía, chegados de todo o municipio e doutras localidades.
Enfundado no seu chaleco e o seu gorro de palla rescatados do armario familiar, Cubela gozou co resto de veciños e visitantes das actividades programadas, nas que asegurou gozar "rememorando a nosa historia, a historia dos nosos avós, do que fomos". Non é para menos. A Feira de Cuspedriños recrea un dos momentos de máis esplendor da historia de Cotobade, a época na que o mercado de gando que alí se celebraba era referente da economía da zona.
Aínda que a feira tradicional se centraba na venda de gando, a romaxe coa que se rememora na actualidade márcase un reto máis ambicioso de exaltar os produtos artesanais e a gastronomía. Para iso, cóidase ata o último detalle en ambientar o recinto para transportar o visitante á década dos anos 50, pero tamén se pon atención á forma na que se recrean os distintos oficios da época nos seus postos de artesanía e no mercado máis centrado na alimentación.
Os visitantes compraron e degustaron pan, queixos, doces, embutidos, filloas ou polbo; beberon viño; puideron visitar postos de cestos, coiro ou instrumentos musicais; e participaron nas exposicións organizadas, pero se algo chamou a súa atención foi a presenza de dous autobuses de época e vehículos antigos e a posibilidade de coñecer como se vivía naqueles anos 50 e 60 a través da animación de gaiteiros, pandereteiras, o 'afiador', o cego ou o fotógrafo.