Tres detidos en Vilagarcía con 50.000 euros en tabaco escondido nun zulo
Por Redacción
A 'operación Nexus' da Policía Nacional de Santiago permitiu a detención de tres veciños de Vilagarcia de Arousa como supostos autores dos delitos de tráfico de drogas e contrabando e a intervención de diversas cantidades de cocaína, tabaco e diñeiro. Os arrestados son dous homes, pai e fillo, de 56 e 28 anos, e a parella dun deles.
Segundo informou a Policía, coa súa detención logrouse a desactivación dun punto de distribución de cocaína a pequenos camelos e de contrabando de tabaco nas zonas de ocio de Santiago, Vilagarcía, Rianxo e Padrón.
O pai e o fillo arrestados dedicábanse, segundo a Policía, ao contrabando de tabaco e ao tráfico de substancias estupefacientes e na súa vivenda foron localizados máis de 1.400 cartóns de tabaco, 400 gramos de cocaína, unha prensa artesanal, unha envasadora de baleiro, terminais de telefonía móbil, varias balanzas de precisión, 2.680 euros en metálico, dous vehículos e numeroso material para embalaxe e distribución de droga.
O tabaco intervido, que no mercado alcanzaría un valor aproximado de 50.000 euros, encontrábase escondido nun zulo preparado para ocultar o contrabando e de moi difícil localización. Ademais, no rexistro do domicilio, foi detida a parella dun deles.
A muller quedou en liberdade unha vez efectuadas as dilixencias e os dous varóns están pendentes de pasar a disposicion xudicial.
A investigación comezou en xaneiro e perseguía a distribución a pequena escala de substancias estupefacientes. No marco deste operativo xa foron detidos dous individuos en febreiro e marzo cunha importante cantidade de droga supostamente destinada a pequenos camelos de Santiago e a súa comarca.
Tras estes dous arrestos iniciais, os investigadores descubriron a existencia dunha posible organización que operaba a pequena escala, polo que continuaron as pescudas. Froito destas producíronse as novas detencións en Vilagarcía este xoves.