O BNG de Pontevedra di si á República e non a un referendo
Por Oskar Viéitez
O BNG de Pontevedra acaba de convocar un acto político para o próximo luns ás 20:30 horas no Teatro Principal no que está previsto que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e os concelleiros Carme da Silva e Luis Bará, dean conta da postura política da formación nacionalista logo da abdicación do Rei Juan Carlos I.
Segundo explicaron en rolda de prensa Anxos Riveiro e Raimundo González o Bloque Nacionalista Galego manifesta a súa oposición ao actual réxime monárquico e denuncia a manobra que "pretende garantir a súa continuidade", nuns momentos nos que este réxime está a ser posto en cuestión.
A formación nacionalista rexeita a posibilidade de convocar un referendo e reclama o inicio dun proceso constituínte "onde as nacións sexan o referente político, para garantir o dereito á autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español".
Raimundo González salientou o "anacronismo" que supón a monarquía, un réxime "incompatible cun sistema democrático" e criticou a "posición inmobilista que representan, sobretodo, o Partido Popular e o Partido Socialista".
Fronte a estes situou ao resto de formacións que "aínda que con matices e de xeito diferenciado" piden que se aproveite a ocasión para que deixe de haber monarquía. "Algúns o que dicimos é que sexa así directamente e outros din, logo de referendo".
"Os referendos cárgaos o demo e convócaos o goberno"
Non estamos de acordo co referendo polas experiencias anteriores que temos, afirmou Raimundo González "os referendos cárgaos o demo e convócaos o goberno".
González Carballo comentou que "é curioso que para facer unha radiografía se tardan seis meses e para cambiar a xefatura do estado bastante con quince días".
Dende o BNG de Pontevedra consideran que é importante transmitir este posicionamento aos cidadáns polo que convocan este acto político para explicar os seus razoamentos co lema de "Galiza contra a monarquía española".
"Isto non quere dicir que a calquera convocatoria, a calquera manifestación que se convoque contra a monarquía non vaiamos estar os membros do BNG, todo o contrario imos asistir a todos os actos", precisou.
Relacionadas:
-
En Pontevedra tamén reclaman a creación dunha República Galega porque "Galiza non ten rei"
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Concentración para que Pontevedra sexa "un dos referententes de mobilización popular pola III República"
Por Diego Torrado |
-
Os republicanos sairán de novo á rúa o sábado para reclamar un referendo
Por Redacción |
-
O PSOE de Pontevedra reclama a celebración dun referendo sobre a Monarquía
Por Oskar Viéitez |
-
Os republicanos esixen un referendo sobre o futuro da monarquía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Lores asegura que a abdicación do Rei debería aproveitarse para "dar o cambiazo" a unha República
Por Redacción |