A reforma de Rafael Areses, primeiro paso do profundo 'lavado de cara' á Avenida de Compostela
Por Alejandro Espiño
A avenida de Compostela, entre a rotonda da Avenida de Bos Aires e a rotonda que dá acceso a Pasarón e ao campus universitario, xa é de titularidade municipal. Trátase duns 400 metros que, o pasado 16 de maio, o Ministerio de Fomento transferiu ao Concello de Pontevedra. Co vial xa dispoñible, o goberno municipal presentou este xoves o proxecto técnico redactado pola empresa Petra para mellorar a mobilidade en toda esta zona.
Segundo Luís Bará, a reforma que se emprenderá en todo este ámbito aposta por "cambiar a función do vial", dándolle un tratamento máis urbano e aplicando medidas de calmado de tráfico "ao ser unha zona cunha mobilidade peonil e ciclista moi alta" pola proximidade da zona escolar da Xunqueira, as actividades no Recinto Feiral e o Pazo da Cultura e o paseo fluvial a beiras do río Lérez.
En liñas xerais este proxecto, que se executará por fases dado a dimensión e o custo destas obras, pretende reducir os carriles de circulación (perderase un de entrada á cidade), adecuar os aparcamentos e ampliar o espazo habilitado para peóns e ciclistas. ÿ, sinalou Bará, dunha actuación prioritaria para o goberno local. Prevese que toda a obra poida estar concluída en 2016.
A primeira fase desta obra, que se executará tralo verán, centrarase na actuación máis urxente, segundo explicou Bará. Trátase de crear un paso peatonal con carril bici incorporado que mellore a mobilidade entre a Ponte do Burgo e a Ponte dos Tirantes, cortando a mediana existente actualmente na avenida de Compostela "e que os peóns e os ciclistas saltan para cruzar" co conseguinte risco para a súa propia integridade física.
Esta actuación terá continuidade coa reforma integral de Rafael Areses. Suprimirase un carril de circulación, espazo que se aproveitará para ampliar as beirarrúas e crear un carril bici, todo iso en plataforma única. Ademais, a zona de aparcamento limitarase á zona anexa ao parque Rosalía de Castro. Investiranse 100.000 euros e crearase así, destacou Bará, unha senda peonil e ciclista de 10 quilómetros desde Mollabao a Bora seguindo o curso do río.
En sucesivas fases actuarase entre a rotonda de Avenida de Bos Aires e este novo paso peonil, onde os catro carrís de circulación quedarán en tres (dous de saída e un de entrada), eliminarase toda a mediana e ampliaranse as beirarrúas da ponte; e posteriormente ata a rotonda de Pasarón, zona que terá dous carrís para cada sentido. Ademais, cambiarase a entrada ao aparcamento disuasorio situado en fronte do Pavillón, crearanse zonas verdes e habilitaranse en total cinco pasos de peóns.
Salvo na reforma de Rafael Areses "na que xa existe un amplo consenso", o resto da obra pode sufrir pequenas modificacións, xa que será tratado nunha próxima comisión municipal para que todos os grupos políticos, incluído o Partido Popular, poida realizar as súas achegas a un proxecto que busca rebaixar a intensidade do tráfico nunha zona pola que circulan a diario uns 16.000 vehículos e que é "hostil" para os peóns.
Relacionadas:
-
Ediserpo acometerá as obras de accesibilidade na Avenida de Compostela
Por Oskar Viéitez |
-
Aproban a primeira fase das obras de reforma urbana da avenida de Compostela
Por Alejandro Espiño |
-
Obras de reparación da beirarrúa en Rafael Areses
Por Redacción |
-
A Ponte de Santiago contará con dous pasos de peóns antes do verán
Por Redacción |