As Rías Baixas, en 'MasterChef': visita ás bateas do Grove e cociña con mexillóns en Pepe Vieira
Por Alejandro Espiño
Churra foi expulsada de MasterChef hai unhas semanas, pero a cociña pontevedresa volveu ao programa de TVE pola porta grande. Os nove aspirantes que continúan participando no concurso culinario máis exitoso da televisión viaxaron este mércores ata as Rías Baixas para protagonizar no Grove e Poio unha proba en exteriores. O anfitrión para todos eles foi o chef pontevedrés Xosé Torres Cannas.
ÿ a primeira vez que a cociña profesional galega cóase en MasterChef. Xosé Torres, descrito por Jordi Cruz, un dos xuíces do programa, como un chef que aúna tradición con vangarda e modernidade, cedeu as instalacións do seu restaurante Pepe Vieira (Camiño da serpe, Raxó), para esta proba por equipos. Os concursantes debían cociñar para 60 mexilloeiros e mariscadores. O ingrediente principal dos pratos era o mexillón.
Pero antes de empezar a cociñar, MasterChef desprazouse ata O Grove. Alí embarcáronse no barco Chapelo Segundo, de Alexandre Aguín, que ademais de concelleiro do Grove é bateeiro. Compartiron unha xornada de traballo colleitando o mexillón en orixe, directamente das cordas. "Parece que es fácil que llegue en una bandeja en la mesa y es una trabajera impresionante", afirmaba Cristina, unha das concursantes.
Ademais de mostrar como é o proceso de extracción do mexillón da batea e como se colocan de novo as cordas na estrutura para as novas crías, o programa de TVE explicou aos seus espectadores que Galicia é o principal productor de mexillón do mundo e destacou que na ría de Arousa os produtos extraídos do mar moven un volume de negocio superior aos 100 millóns de euros ao ano.
De volta en Pepe Vieira, os tres xuíces do programa explicaron aos concursantes que ían dar para comer a un grupo de mariscadoras e mexilloeiros "que se dejan la piel día a día faenando en las Rías Baixas". Para eles debían preparar 60 racións de empanada de mexillóns e mexillóns á mariñeira ou sopa de mexillóns, dependendo do grupo no que quedaran repartidos para a proba.
E cun único consello de Xosé Torres. "Tenéis que respetar el producto con el que vais a trabajar, porque aquí la gente es conocedora de él y sabe apreciar su sabor". Ese foi unha das principais louvanzas á cociña galega mentres se preparaban os pratos nas cociñas do restaurante. Jordi Cruz e Pepe Rodríguez, que supervisaban o traballo dos aspirantes, destacaron o sabor inigualable dos produtos da nosa comunidade.
Pero nin así os concursantes cumpriron coas expectativas. A proba por equipos, sinala TVE, foi un tremendo fiasco. Un dos equipos non fixo empanada suficiente e cinco comensais quedaron sen comer e o outro cociñou unha sopa de marisco que terminou sendo un simple caldo con dous mexillóns. Os invitados desta semana ás mesas de MasterChef, quedáronse coas ganas para comer o seu produto estrela en condicións
Para compensar este desastre, unha das xuízas do programa, Samantha Vallejo-Nágera, exclamou un "Galicia calidade" antes de despedir aos comensais que tiveron a oportunidade de probar os pratos cociñados polos aspirantes a converterse no mellor chef 'amateur' de España, o título oficioso que outorga o programa.