As protestas contra a LOMCE volverán en setembro
Por Redacción
Poucos foron os asistentes á concentración contra a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) convocada pola Plataforma Galega en defensa do Ensino Público que se realizou na Praza da Peregrina durante a tarde deste mércores 4 de xuño.
Trátase do último acto de protesta que esta Plataforma ten previsto realizar durante o presente curso pero anuncian que a partir de setembro co inicio do novo curso escolar intentarán evitar a implantación da LOMCE. No comunicado que leron durante este acto, os membros da Plataforma rexeitan o centralismo que, afirman, intenta impoñer esta lei. Este colectivo considera que a nova norma é retrógrada e que vai en contra dos intereses do ensino galego.
Ademais, os integrantes deste movemento reclaman a gratuidade dos libros de texto e a obrigatoriedade dos comedores escolares, ao mesmo tempo que rexeitan os recortes na educación.