Os locais vacantes en Frei Xoan de Navarrete poderán solicitarse ata o 9 de xullo
Por Redacción
Ata o 9 de xullo poderán solicitarse os postos vacantes do mercado municipal da rúa de Frei Xoán de Navarrete. Este xoves ábrese o prazo para participar nesta poxa, que se celebrará nas próximas semanas, segundo informa o Concello de Pontevedra. A iniciativa engloba seis locais, aínda que, en realidade, cínguese a cinco espazos toda vez que dous deles están unidos.
En concreto trátase dos locais 17 e 19 (15,51 metros cadrados), o 18 (11,17 metros cadrados), o 20 (17,30 metros cadrados), o 21 (10,23 metros cadrados) e, finalmente, o local número 22, con 12,23 metros cadrados. Todos eles están situados na galería do edificio de 41 vivendas, situada a carón da entrada principal do hospital Miguel Domínguez.
Os locais serán adxudicados ao mellor postor por un período concesional de 25 anos. Os licitadores deberán presentar ofertas que, como mínimo, cubran o importe das taxas fixadas no prego de condicións. Trátase de cantidades que, dependendo do local, oscilan entre os 20.331 e os 32.968 euros.
Carlota Román destacou que trátase dun segundo paso na regularización administrativa dos mercados municipais. Lembrou que xa está a piques de rematar o proceso de adxudicación das vacantes na Praza de Abastos. E afirmou que, por primeira vez, o Concello pode asegurar que o grao de ocupación da instalación se corresponderá coa demanda social existente. Se quedan vacantes, engadiu, "será porque non hai interese social ou empresarial en ocupalos".
A responsable municipal anticipou tamén que a Concellería de Promoción Económica convocará as vacantes das feiras ambulantes da Xunqueira e Estribela e subliñou que tentará chegar a acordos con outros departamentos municipais para regularizar a actividade de venda de antigüidades, que se celebra nas mañás dos domingos na praza da Verdura.