O Concello promove unha revisión catastral co obxectivo de rebaixar o IBI
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo está a promover unha revisión do catasto cun novo relatorio de valores que entrará en vigor en 2015. Con iso, pretende rebaixar o Imposto de Bens Inmobles aos veciños sen perder capacidade recadatoria. Será posible porque esta revisión se incorporará ao catastro aqueles chans recollidos no PXOM de 2003 e que agora non están a tributar.
O concelleiro de Economía e Facenda, Marcos Guisasola, explica que se trata de "unha cuestión de xustiza tributaria", xa que "somos os cidadáns que pagamos este imposto os que padecemos a suba aplicada tras un real decreto, mentres hai propiedades que non están recollidas no padrón".
O feito de incorporar ao relatorio o aumento do chan urbano derivado da aprobación do PXOM permitirá ao Concello "levar a cabo unha baixada do tipo impositivo e devolvelo aos niveis de 2011".
O equipo de Goberno encargou á firma Cartografía e Medicións S.L., os labores iniciais do procedemento de valoración colectiva de carácter xeral do municipio que levará a cabo a Xerencia Territorial do Catastro en Pontevedra.
Entre os labores acometidos estivo a detección e incorporación á base de datos dos cambios de uso non declarados en inmobles urbanos, a incorporación na base gráfica e alfanumérica das construcións de natureza rústica, a actualización de datos diseminados para incluír as plantas baixas habitables e reformas non declaradas, así como a elaboración de relación de plantas de terreos en copropiedade, entre outras.