Un proxecto escolar introduce aos rapaces na cultura emprendedora
Por Mónica Patxot
A praza de Ourense acolleu este luns os postos de venda de produtos artesanais elaborados polos alumnos dos colexios Príncipe Felipe e Praza de Barcelos, unha actividade que se enmarca dentro do proxecto educativo Emprender na miña Escola EME Cooperanova, no que colaboraron a Deputación de Pontevedra e a Concellería de Promoción Económica do Concello de Pontevedra.
Os alumnos montaron dúas cooperativas, para o que tiveron que emular todos os procedementos e pasos para a súa posta en marcha, dende un enfoque baseado no traballo en equipo e o fomento da cultura emprendedora.
No acto estiveron presentes a concelleira Carlota Román, a deputada provincial, Ana Isabel Vázquez, así como representantes dos colexios participantes.
Román fixo entrega das licenzas municipais para a venda neste mercadiño extraordinario, válidas para a xornada de hoxe. A continuación, unha patrulla da Policía Local reclamou a documentación aos presidentes das dúas cooperativas. A partir dese momento comezou a venda dos produtos artesanais elaborados polos propios rapaces.