Marín asfaltará nove importantes vías rurais en seis das parroquias do municipio
Por Redacción
O Concello de Marín ten preparado un ambicioso plan para renovar o pavimento existente en determinados camiños do rural e repoñer os servizos afectados. Así o avanzou o concelleiro delegado do Rural, Pablo Novas. O goberno local acaba de recibir o proxecto que encargou hai aproximadamente un mes e agora buscará o apoio da Deputación de Pontevedra para financiar estas actuacións.
A intervención limitarase á renovación e mellora do pavimento existente, así como a limpeza das cunetas e bordes dos camiños. Ademais, adaptaranse as rasantes dos elementos das instalacións existentes afectados polo novo pavimento e controlaranse as escorrentas nos enlaces dos camiños obxecto de intervención e que non conten con cunetas que vertan á rede de saneamento de augas pluviais.
En total, faranse nove actuacións. As vías públicas sobre as que se actuará son:
- Vial desde a Grela a Bouza na parroquia de San Xulián.
- Vial de acceso a Currás na parroquia do Campo.
- Vial de acceso a Praia do Santo na parroquia de Ardán.
- Camiño de Aguete na parroquia de Seixo.
- Vial de acceso a Fixón na parroquia de Santo Tomé.
- Vial dende a Cancela o núcleo do Igresario na parroquia de Santo Tomé.
- Vial de acceso a Aniñada na parroquia de Mogor.
- Vial en O Xuncal na parroquia de Ardán.
- Camiño do Barrio na parroquia de Seixo.
O presuposto de execución por contrata é de 175.866,30 euros. A intención do goberno local é buscar financiamento nas próximas semanas para poder levar o proxecto a cabo ó longo deste ano 2014.
O goberno local considera prioritario un proxecto destas características co obxectivo de mellorar o estado da rede viaria municipal e o mesmo tempo intentar satisfacer moitas das demandas presentadas polos veciños que viven nas sete parroquias do rural de Marín.