Os enfermeiros poñen en valor a profesión
Por Redacción
O sindicato de enfermaría SATSE móstrase totalmente satisfeito polo resultado da Feira dos Coidados organizada este venres en Pontevedra con actividades formativas e informativas destinadas a difundir como coidarse mellor e a que os cidadáns coñezan que fan as enfermeiras pola súa saúde e benestar.
Ao longo de toda a xornada deste venres un nutrido grupo de persoas se subiu ao autobús da campaña 'Soy enfermera. Nos movemos por tu salud' e visitou o espazo de 'Vera, la enfermera' na Praza de España, podendo coñecer distintos consellos e información de man dos profesionais de enfermaría presentes.
Segundo informa SATSE, distintas autoridades e responsables públicos visitaron a feira e coincidiron en resaltar que este evento supón unha "inmellorable oportunidade" para poñer en valor a profesión, "fundamental para o bo funcionamento do noso sistema sanitario".
Para a secretaria xeral autonómica de SATSE en Galicia, Carmen García Rivas, a feira resultou un éxito de público, superándose as previsións iniciais sobre o número de asistentes. Segundo sinala, moitas persoas recoñecéronlles que chegaran ao autobús cunha idea pouco clara do traballo e funcións dos profesionais de enfermaría, pero a situación cambiou tras visitar a exposición ou participar nalgún dos talleres celebrados.
A Feira dos Coidados forma parte da campaña 'Soy Enfermera. Nos movemos por tu salud' organizada polo Sindicato de Enfermaría SATSE e a Fundación para o Desenvolvemento da Enfermaría (FUDEN) con motivo do Día Internacional da Enfermaría, e percorrerá ata o 8 de xuño 55 cidades españolas. En Galicia estivo en Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela e visitará Vigo este sábado 31 de maio e Ourense o domingo 1 de xuño.
Con esta campaña búscase facer máis visible ante a poboación todo o que os profesionais de enfermaría achegan á saúde individual e colectiva, dando a coñecer facetas da profesión que aínda son descoñecidas para moitas persoas como a enfermeira escolar, a xestora de casos ou a atención sociosanitaria.