Pontevedra, quinto concello que pide institucionalizar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir
Por Alejandro Espiño
A Fundación Alexandre Bóveda recibiu este venres de mans do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o acordo plenario aprobado pola corporación municipal de Pontevedra no cal apoian a iniciativa deste organismo para que se institucionalice o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. Reclaman ademais que Alexandre Bóveda sexa considerado como mártir galego e como un dos artífices do Estatuto de autonomía.
Pontevedra súmase a outros catro concellos galegos que xa aprobaron declaracións similares. Trátase de Poio, Riotorto, Monterroso e Pobra de Brollón. Pero os apoios institucionais chegaron ata desde os parlamentos de Cataluña, País Vasco ou Valencia, onde admitiron a trámite esta petición, chegando no caso catalán a emitir unha resolución favorable a esta iniciativa.
A petición cidadá, segundo explicaron Valentín García, secretario da fundación, e Ernesto Vázquez Rey, promotor da moción, chegou ao Parlamento galego en forma de proposición non de lei. Nela tamén se insta á Cámara galega a incoar o xuízo e execución de Bóveda e a rehabilitar publicamente a figura de todos os asasinados polo franquismo. Estes apoios que están solicitando reforzan a súa posición ante esta petición parlamentaria.
Valentín García, descendiente do propio Bóveda, quixo agradecer públicamente ao BNG polo apoio "político e humano" ás vítimas da represión franquista. "Sempre estiveron con elas, a diferenza doutros partidos políticos, que seguro que nun futuro outros partidos quererán aproveitarse das vítimas dicindo que as apoiaron sempre, a pesar de mostrar por elas nada máis que desleixo e ostracismo", afirmou.
Así se referería ao feito "histórico" que supón para eles que a Audiencia Nacional, xunto coa xuíza María Servini, que instrúe en Arxentina unha querella sobre crimes no franquismo, tomasen declaración este xoves a dúas vítimas españolas da represión durante a ditadura militar.
Relacionadas:
-
Nova petición para institucionalizar o Día da Galiza Mártir, que a Xunta se abre a avaliar "con tranquilidade e sosego"
Por Natalia Puga |
-
Homenaxe a Alexandre Bóveda coa mirada posta en poder celebrar o 'Día dos Mártires Galegos'
Por Natalia Puga |
-
Un Día da Galiza Mártir para "pararlle os pés a un PP herdeiro do franquismo"
Por Redacción |
-
Poio volverá homenaxear a Alexandre Bóveda reclamando a institución oficial do Día de Galiza Mártir
Por Redacción |
-
Unha moción en apoio da institucionalización do Día de Galiza Mártir
Por Redacción |