O irmán de Laureano Oubiña senta no banco dos acusados por coaccións
Por Natalia Puga
"Yo no amenacé a nadie ni las películas que se montan. No le veo sentido ninguno. Sigo diciendo: son películas montadas por ellos, no sé qué hago aquí". Con estas frases e co "non" de resposta a todas as preguntas. Así se defendeu o irmán do narcotraficante Laureano Oubiña, Francisco Javier Oubiña, das acusacións por coaccións, aldraxes e extorsión que este mércores lle sentaron no banco do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra.
Fiscalía acusa a Francisco Javier Oubiña; a súa ex esposa, Mercedes Pacheco; e unha persoa á que terían contratado de 'machaca', José Ezequiel Vizcaya, dun delito de coaccións polo que pide un ano de prisión para cada un. As acusacións particulares engaden os delitos de aldraxes e extorsión, sendo as vítimas un matrimonio co que crearan un negocio de peixe conxelado en Cambados.
Segundo sosteñen a fiscal e as presuntas vítimas, os delitos teríanos cometido no primeiro trimestre de 2009 e consistiron en visitas reiteradas aos domicilios do matrimonio denunciante e os seus familiares, chamadas intimidatorias aos negocios da familia, en pasear unha furgoneta cunha foto xigante dos denunciantes e o texto 'Puferos' por todo Combarro, berrar con megáfonos ás portas da súa casa e empapelar diversos portos e localidades coas súas fotos.
Na denuncia tamén consta que "para doblegar la voluntad" das vítimas e que lle pagasen unha suposta débeda polo negocio que estableceran en común tamén ameazáronlles con frases como por cada denuncia que pusiera mataría a diez personas, y que iba a meter un coche bomba contra la empresa" e que usaría "dinamita" contra eles.
Unha das súas presuntas vítimas "sitió miedo" pola súa vida e os seus fillos deixaron de ir ao colexio
Ademais, chegaron a colocar dúas coroas de flores murchas ás portas da casa da nai da presunta vítima en Combarro, á que se mudaron despois de que o seu edificio e o colexio dos seus fillos en Pontevedra aparecesen empapelados coas súas fotos. Por todo iso, a muller "cayó en una depresión", requiriu tratamento psiquiátrico e, segundo declarou ela mesma no xuízo, "sintió medo" pola súa vida, "claro que si" e ela e o seu marido "no salíamos de casa, los niños tampoco salían y hubo una temporada en la que no fueron al colegio".
Francisco Javier Oubiña negouno todo e seu ex esposa só recoñeceu que foi varias veces á casa dos pais da presunta vítima para intentar falar con ela e que ofreceu unha comisión do 10% ao terceiro acusado por lograr cobrar a débeda que presuntamente tiñan con ela, e que cifra, segundo o momento da súa declaración, en medio millón de euros, 1,2 millóns ou mesmo máis de dous millóns.
O terceiro acusado, que se tería feito pasar por un detectivo privado simulando o nome 'Luis', recoñeceu que si foi á casa dos acusados para intentar cobrar a débeda e paseou cunha furgoneta e un megáfono por Combarro coa foto dos denunciantes e o cartel 'Puferos'. Asumiu todas as culpas e asegurou que os outros acusados non lle pediron que o fixese e negou que exercese ameazas, coaccións ou extorsión.
Francisco Javier Oubiña e a súa ex muller comezaron o xuízo cunha mala relación coa prensa. Encaráronse cos fotógrafos e redactores situados ás portas da sala por facerlles fotos e botáronlles na cara que unicamente informaban sobre o xuízo por ser el irmán do coñecido narcotraficante.