O exdirector del CEIP Príncipe Felipe, condenado por vexacións a un alumno
Por Redacción
A Audiencia Provincial de Pontevedra resolveu este xoves o proceso xudicial aberto contra F.J.G.P., exdirector do CEIP Príncipe Felipe de Pontevedra, acusado de vexacións a un alumno.
Antes da celebración do xuízo, sinalado para o próximo 3 de xuño, a acusación particular, a defensa do acusado, a Fiscalía e a Xunta de Galicia alcanzaron un acordo de conformidade polo que o acusado recoñeceu ser autor dunha falta de vexacións inxustas asumindo unha pena de multa e sendo condenado a pagar ao menor, de forma conxunta e solidaria coa Xunta, unha indemnización de 9.150 euros. Ao tratarse dunha falta, o profesor non será inhabilitado e poderá seguir exercendo a súa profesión.
A familia do menor retirou os cargos contra outra profesora do centro.
Co recoñecemento da súa autoría o que fora director do CEIP Príncipe Felipe ata abril de 2011, viu rebaixada sensiblemente a petición de penas que contra el formulaba a Fiscalía, inicialmente reclamaba unha pena dun ano de prisión para o acusado como autor dun delito contra a integridade moral do menor, así como tres anos de inhabilitación.
Pola súa banda a familia do neno denunciou por un delito de torturas.
En virtude deste acordo o director do colexio admitiu ter encerrado o menor nun despacho da zona do profesorado onde "chegou a atalo cunhas bridas, permanecendo nesta situación durante unhas horas ata que foi desatado por unha profesora". Nunha segunda ocasión o docente mantivo "nu de cintura para abaixo" ao menor ata que unha profesora lle recriminou a súa actitude.