Os expertos sinalan que a era dixital marca os retos e as tendencias do sector turístico
Por Redacción
'Reinventando un destino turístico' é o lema do terceiro foro Turismo de Sanxenxo que este xoves inaugurou a alcaldesa, Catalina González, xunto á secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o representante do Consorcio de empresarios CETS, Alejandro Touriño; e o director de Competitividade da Axencia Galega de Turismo, José Luis Maestro.
A cita reúne durante dous días a máis de 150 os empresarios, profesionais, estudantes e técnicos de todo o país nun intercambio de opinións e experiencias para animar á reflexión colectiva sobre a mellora da rendibilidade das empresas turísticas, especialmente en época de crise económica, e o apoio á sostibilidade dos destinos.
O turismo non é só un dos sectores máis potentes da provincia "que mellor está sabendo resistir a crise económica" senón que "tamén vai marcar o camiño da recuperación", destacou Rafael Louzán na inauguración do evento, nunha reflexión que é compartida polos participantes neste foro. Louzán explicou o proxecto Smart Destinations, co que a provincia aspira a converterse nun dos primeiros destinos turísticos intelixentes de España.
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, destacou o importante posicionamento deste destino turístico de referencia no norte de España, incidindo na aposta que o sector público e privado están facendo para que Sanxenxo sexa sinónimo de calidade. "No en vano", engadiu, "somos de nuevo el destino turístico de toda España con mayor número de Banderas Azules en sus playas, el que más sellos Q de Calidad tiene de toda Galicia y también sellos de calidad del SICTED".
O responsable de Innovación en Destinos de rumbo.com, Jimmy Pons; os directores de comunicación de Trivago e Minube, Alberto Calcerreda e Juan Carlos Milena, respectivamente; e a socia fundadora de Sherpandipity, Irene Serrano, abriron a xornada técnica coa mesa redonda sobre os retos e tendencias do turismo na era dixital.
Pola tarde, o director comercial de Ushuaia Beach Hotel, Juan José Calvo; o responsable de proxectos TIC ITH do Instituto Tecnolóxico Hoteleiro, Fabián González; e o xerente de Desenvolvemento de Negocio Unizar Turismo. Pedras Salgadas Spa & Nature Park, Pedro Martins; centraron o debate sobre a creación de marca e a diferenciación hoteleira.
O venres pola mañá a xerente de Turismo de Cambrils, Amelia Rico, o seu homólogo de San Sebastián, Manuel Narváez; e o director de Sitges Film Office, Santi Roig, disertarán dende as 10.00 horas sobre as novas tendencias na xestión de destinos.
Ás 12.15 horas tocaralle a quenda ao experto en turismo gastronómico da Organización Mundial do Turismo, Iñaki Gaztelumendi; á responsable de Akimu Proyectos Turísticos, Amaia López de Heredia; e á xerente de Turismo de Valladolid, Isabel Mateo, que falarán sobre o papel dos produtos enogastronómicos como xeradores de valor en destino.
Este encontro incluirá o venres a celebración da cea-gala do Turismo de Sanxenxo, a partir das 21.00 horas, no Hotel Talaso Sanxenxo, e na que os empresarios turísticos entregarán o 'Premio Turismo de Sanxenxo 2014' a José Luis Prieto, propietario dos hoteis Canelas e Galatea, ademais doutros establecementos como a discoteca Canelas, e primeiro presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.