Deteñen tres veciños de Meaño acusados de roubos en Caldas e Moaña e un terceiro intento en Barro
Por Redacción
Dous roubos con forza en Caldas de Reis e Moaña. ÿ o que a Garda Civil imputa a tres veciños de Meaño, todos eles de nacionalidade romanesa. Trátase de M.C., de 24 anos de idade; BD.G., de 26 e AI.E., de 25. Foron detidos entre o domingo e o luns, despois de que un deles fose descuberto nas inmediacións dunha nave industrial situada en Barro, onde presuntamente, trataba de entrar facendo un butrón nunha das súas paredes.
Segundo informa o Instituto Armado, o pasado domingo axentes do posto de Sanxenxo detiveron a M.C., como propietaria dun Peugeot 306, o cal foi visto estacionado preto da devandita nave industrial. Alí a encontrou o propietario do inmoble, que acudira ao lugar ao terse activado a alarma. Nunha das paredes practicárase un butrón e no exterior acumularan ferralla de cobre para despois transportala.
A raíz desta detención, na madrugada do luns procedeuse á detención dos outros dous mozos cando trataban de abandonar a provincia nun taxi. Levaban consigo numerosos efectos, presumiblemente procedentes de diferentes roubos, polo que se procedeu ao seu traslado ás dependencias oficiais do cuartel de Sanxenxo.
No transcurso da instrución das correspondentes dilixencias púidose constatar que parte dos efectos intervidos procedían do roubo con forza nunha vivenda de Moaña, acontecido o pasado día 18 de abril. Ademais, imputóuselles tamén outro máis nunha gasolineira de Caldas de Reis na madrugada do 2 de abril. As investigacións continúan abertas polo que non se descartan máis imputacións por delitos similares.
Os detidos foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Cambados, que decretou a súa liberdade con cargos.