Organizan tres andainas con cans para mellorar a convivencia entre animais e cidadáns
Por Alejandro Espiño
O ámbito do río Lérez, o Pontillón do Castro e a Xunqueira de Alba son os tres escenarios escollidos polo Concello de Pontevedra para celebrar tres 'andainas' polo medio natural que teñen como principal obxectivo "evitar conflitos" entre propietarios de cans e cidadáns. Así o explicou o concelleiro delegado da área, Miguel Filgueira, na presentación desta actividade que se enmarca dentro da campaña Yes, we can.
Nestas 'andainas', onde os participantes irán acompañados dun adestrador canino, preténdese darlle aos cidadáns unhas "pautas de comportamento" para os paseos por zonas onde poidan coincidir con cans. Serán tres percorridos de realización sinxela, "bonitos estécticamente" e de baixo impacto e os participantes irán equipados con prismáticos, lupas de campo ou guías de cada unha das zonas.
A primeira destas saídas, programada para o próximo domingo 1 de xuño ás 9.30 horas, será polo paseo fluvial do Lérez. Posteriormente visitarase o Pontillón do Castro (8 de xuño) e a Xunqueira de Alba (22 de xuño). En cada unha delas poderán participar entre 20 e 25 persoas e cada can deberá ir acompañado dun adulto que se responsabilice do animal.
Segundo Manuel Domínguez, organizador destas saídas, en cada unha delas "daremos a coñecer o medio natural e patrimonial e falaremos de por que en determinados espazos non se debe acceder co can ou con el solto". Asegura este experto que os donos dos animais tamén deben ser conscientes de que tipo de impacto pode provocar un can solto en determinados espazos naturais.
Pola súa banda, Diego Álvarez, o adestrador canino que participará nestes paseos, fixo un chamamento á responsabilidade do dono dos animais para evitar problemas entre os propios cans e con aquelas persoas que non os teñen" e non saben reaccionar ante eles. Dará certas instrucións básicas para educar aos cans e a que os seus propietarios se afagan a unha "tenencia responsable" deste tipo de animais.
A obrigatoria inscrición previa para participar nesta actividade débese realizar a través da concellaría de Medio Ambiente, chamando ao teléfono 986 804 300, extensión 7584.