Tafisa inicia a negociación do peche e os traballadores manifestaranse este mércores
Por Redacción
O comité de empresa da fábrica de Tafisa en Ponte Caldelas reúnese con representantes do Grupo Sonae, matriz de Tafisa, para negociar o peche da nave situada na Reigosa. A reunión foi convocada de xeito unilateral pola dirección nun despacho de avogados de Vigo.
Os traballadores tiñan previsto levar a cabo unha concentración durante a reunión na cidade olívica pero a Subdelegación do Goberno non autorizou a súa realización porque xa se solicitara outro acto de protesta ante o despacho dos avogados vigueses.
O comité de empresa acordou tamén por unanimidade solicitar ao pleno da Deputación Provincial de Pontevedra o apoio ás reivindicacións que están a realizar os traballadores do Tafisa, de cara a manter os postos de traballo e continuar a produción na factoría pontevedresa. Os representantes sindicais reclaman, ademais, a intervención política para manter unha entrevista co Conselleiro de Industria, o presidente do IGAPE e o Presidente da Xunta de Galicia.
Na comisión de Urbanismo deste martes no concello de Pontevedra, Antón Louro solicitará que se revisen os acordos coa empresa cando en 2003 se negociou a marcha da empresa das instalacións nas beiras do Lérez.
Este mércores ás 20.00 horas, os traballadores están convocados a unha manifestación polas rúas de Pontevedra en contra do peche. Partirá do edificio sindical e finalizará ante a Subdelegación do Goberno.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Tafisa solicitan apoios a todos os grupos políticos do Parlamento
Por Redacción |
-
A empresa xustifica agora o peche de Tafisa nos problemas económicos de todo o grupo Sonae
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Traballadores de Tafisa xunto ás súas familias maniféstanse contra o peche da fábrica
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
O convenio de Tafisa non obriga a que se manteña na comarca, pero Pontevedra tratará de presionalos
Por Alejandro Espiño |
-
O persoal relaciona o peche de Tafisa co final do compromiso da empresa co Concello de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Tafisa anuncia o peche co despedimento de 60 traballadores
Por Redacción | Creada e actualizada