O 'Paifillonai' contará cun monitor nativo inglés
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo abrirá o mércores o prazo de inscrición no programa de conciliación da vida familiar e laboral 'Paifillonai', que como cada ano se desenvolverá durante a tempada estival no CEIP Portonovo. Tal e como informou a concelleira delegada de Benestar Social, Isabel Domínguez, "de xeito pioneiro, nesta edición incorporaremos ao equipo a un monitor nativo inglés que traballará con todos os matriculados, o que suporá unha mellora evidente para o plan conxunto".
Como cada ano, o Goberno local busca con esta acción ofrecer unha alternativa lúdico-educativa para os nenos e nenas de 3 a 12 anos durante as súas vacacións escolares, " momento no que os seus pais e nais teñen que traballar xa que non debemos esquecer o carácter turístico do noso municipio", apuntou a edila. Así, os participantes gozan no seu tempo de ocio realizando actividades creativas, cooperativas e non sexistas.
E é que o plan promovido polo CIM, que se estenderá dende o 1 de xullo ata o 29 de agosto, pretende ampliar a educación curricular con novas áreas de formación e espertar inquietudes e vocacións poñendo en contacto os escolares con propostas non habituais, que inclúen saídas ao ámbito natural e urbano, talleres ou proxeccións que reforzan a xornada diaria.
Os interesados en sumarse a 'Paifillonai' terán ata o 6 de xuño para entregar as instancias no Centro Municipal de Servizos Sociais, situado en Portonovo.