Alcaldes socialistas rexeitan o Consorcio do lixo por "clientelar"
Por Anxo Lourido
Os alcaldes socialistas de Vilaboa, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, Caldas de Reis e Silleda, reuníronse na sé do PSOE para escenificar o seu rexeitamento ao Consorcio provincial de recolleita de lixos proposto pola Diputación de Pontevedra.
O secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, Santos Héctor, afirmou que o presidente provincial, Rafael Louzán (PP), o que persegue con esta iniciativa é "favorecer os seus intereses electorais", asegurou.
Santos Héctor ten claro que é unha forma de "quitar competencias aos concellos e xustificar funcións da Deputación que non lle corresponden".
Ademais os alcaldes consideran que a fórmula ideada pola Deputación "encarece as taxas municipais duplicando ou triplicando nalgúns casos a factura que se vai cobrar e ofrecendo un peor servizo porque se reduce o número de dias de recolleita e recórtase o número de camións", dixo o dirixente socialista.
Desde o PsdeG-PSOE engade a estas críticas a "inseguridade" na que viven as persoas que a día de hoxe traballan nestes servizos ante esta "privatización" e comentou que "xa se fala de dúas empresas como próximas adjudicatarias", polo que ao seu xuízo "a adjudicación tampouco vai ser transparente".
Estes alcaldes socialistas denostaron que na proposta de Consorcio non se inclúa a limpeza viaria e finalmente engadiron que a iniciativa "vulnera o principio de autonomía local ao pasar a diputación a recaudar directamente os impostos do IBI e o IAE dos concellos".
Santos Héctor anunciou que trasladarán estas conclusións sobre esta "política clientelar que pretende aplicar o Partido Popular" a todos os representantes do PSOE en cada un dos concellos.