O Pleno de Ponte Caldelas aproba por unanimidade unha moción de apoio aos traballadores de Tafisa
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas aprobou no Pleno da Corporación Municipal deste xoves, cos votos a favor do PPdeG e a abstención dos dous grupos da oposición, unha modificación presupostaria co obxectivo de utilizar o remanente de tesouraría resultante da liquidación do exercicio económico de 2013, para financiar gran parte do plan de investimentos deste ano 2014.
Con esta medida preténdese utilizar ese remanente en contía de 80.000 euros, para financiar ese plan de investimentos, reducindo así a operación de préstamo á que se ascende neste ano a só 61.000 euros que se realizará coa Caixa de Anticipos da Deputación, para evitarse así pagar intereses.
Con esta medida redúcese aínda máis a débeda do Concello que pasará a estar por debaixo do 38%, cando o límite está no 75%.
MOCION DE APOIO AOS TRABALLADORES DE TAFISA
Por outra parte, o Pleno da Corporación aprobou unha declaración institucional por unanimidade en apoio aos traballadores de Tafisa, na que se esixe á empresa Tafisa e ao grupo Sonae Industria que reconsidere a súa decisión de pechar a factoría situada na Reigosa e formule un proxecto de viabilidade que permita a continuidade da empresa e, polo tanto, dos postos de traballo existentes.
APROBADO O PLAN DE IGUALDADE
Outro dos puntos da orde do día aprobado polo Pleno, cos votos a favor do PPdeG e BNG e a abstención do PSOE, foi o referente ao III Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal entre Mulleres e Homes destinado a dar continuidade ás políticas de igualdade desenvolvidas polo Concello de Ponte Caldelas dende o ano 2005 coa entrada en servizo do CIM, e contempla catro áreas de actuación con obxectivos centrados na educación e valores igualitarios entre os mozos; mercado laboral e usos do tempo; participación social e empoderamiento e prevención e erradicación da violencia de xénero.
No transcurso do debate deste punto o alcalde exteriorizou o voceiro do PSdeG-PSOE o seu malestar "pola falta de sensibilidade ante un tema que habería que aprobar por unanimidade xa que non se trata dun plan político, senón técnico, elaborado polas traballadores do CIM e que deste modo, coa súa abstención, o que fai é esvaecer o inequívoco apoio de toda a Corporación ao labor destas persoas e ao importante servizo que prestan ás moitas mulleres que acoden a este departamento. Ás veces hai que deixar os matices políticos a un lado e, como acaban de facer os concelleiros do BNG, ter sentido de responsabilidade sobre un tema como o da igualdade entre homes e mulleres no que deberiamos trasladar unha imaxe inequívoca de unidade ante a sociedade cando se trata dunha cuestión como esta".
O grupo socialista resalta que calquera acción para erradicar a desigualdade entre homes e mulleres tería contado co seu apoio, "sempre e cando non fose só para facer un lavado de cara, como neste caso parece, ou para sacar unha foto. O Partido Popular no que respecta á igualdade entre homes e mulleres non é o mellor exemplo", afirmaron.
Relacionadas:
-
Louzán sobre o peche de Tafisa e de Crespo: "ÿ un problema extremadamente grave"
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Lores solicitará entrevistarse coa dirección de Tafisa para intentar frear o peche
Por Redacción |
-
O persoal relaciona o peche de Tafisa co final do compromiso da empresa co Concello de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
O alcalde de Ponte Caldelas solidarízase co persoal de Tafisa, que o 27 de maio iniciará a folga
Por Anxo Lourido |