A praza de abastos de Ribadumia reactívase con novo horario e postos de venda
Por Redacción
Ribadumia inicia unha nova campaña para reactivar o funcionamento da praza de abastos municipal. O primeiro paso chega coa ampliación do horario de apertura e a inauguración dun novo posto de traballo.
O novo horario estará operativo dende este martes 2 de outubro e suporá que o mercado ubicado en Barrantes pase a estar aberto de 9.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Dende este mesmo día tamén queda aberta un posto de zapateiro.
Neste horario ampliado están abertos o zapateiro e a floristería. Ademais destes produtos, na praza de abastos tamén se poden atopar en horario de mañá postos de peixe, froita e hortalizas. Eses negocios non abrirán polas tardes, pero o concello anima ao resto dos negocios a ampliar tamén o seu horario e atender ao cliente.
A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, anima a que "se aproveite esta oportunidade de negocio nesta complicada situación económica actual. Hai unha infraestrutura moderna na que poden abrir os seus postos de venta directa no centro de Barrantes e, de paso, contribuír a aumentar a oferta de produtos frescos ou doutro tipo no municipio, contribuír a dinamizar o comercio e evitar que os veciños teñan que desprazarse a outros concellos".
Recorda que dende que o edificio foi remodelado en 2007, o Concello de Ribadumia iniciou unha campaña coa que impulsar o consumo e aumentar a diversidade de produtos que se ofrecen no mercado. Na actualidade hai cinco postos de venta fixos: de peixe, de froitas, de hortalizas, de flores e o zapateiro.
Deste xeito, habería cinco postos desocupados a disposición daquelas persoas que estean interesadas en instalar o seu negocio neste mercado. As solicitudes pódense presentar nas oficinas municipais.