A Tui-Santiago da Brilat internacionalízase cunha patrulla de Marines de USA
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O concurso de patrullas Tui-Santiago da Brigada de Infantería Ligera Aerotransportable (Brilat) alcanza nos vindeiros 27-29 de maio a súa 13 edición co mesmo "compoñente cívico-militar" de sempre, pero con maior participación e proxección que nunca. Participarán 24 patrullas, o número máis elevado da historia da proba, e, por primeira vez, internacionalízase coa inscrición dunha patrulla do Corpo de Marines de Estados Unidos.
Ademais de ser o ano con máis patrullas, tamén é o que hai máis diversidade entre os participantes, pois concursan militares de 14 unidades diferentes. Estréanse catro das españolas (o Rexemento de Artillaría de Campaña 11, o Rexemento de Intelixencia 1, a Comandancia Xeral de Baleares e a Brigada Mecanizada X Guzmán el Bueno) e o grupo de USA.
Repiten a Brigada da Lexión, a Brigada Canarias, a Brigada Paracaidista, a Bril V San Marcial, o Rexemento de Cabalaría Lusitania, a Xefatura de Tropas de Montaña e o Tercio Norte de Infantería de Marina, ademais de 12 patrullas de unidades da Brilat de Pontevedra, Valladolid e Asturias, entre eles os gañadores das dúas últimas edicións, o Batallón de Zapadores (BZAP) da Brigada.
Como outra das novidades deste ano, será a edición máis pontevedresa, pois unha das sete probas, o paso de río a nado, pasou de ser en Padrón ao rio Lérez na cidade de Pontevedra. En concreto, cruzarán a última hora do 27 de maio por unha zona situada entre a Ponte dos Tirantes e a Illa das Esculturas. Será a uns 400 metros do punto no que se realizará o rápel voado, na ponte de Monte Porreiro.
Estas 24 patrullas terán que percorrer 120 quilómetros e pasar sete probas en menos de 36 horas
Estas 24 patrullas terán que percorrer 120 quilómetros e pasar sete probas en menos de 36 horas: percorrido topográfico, tiro de precisión con fusil, paso de pista de obstáculos, paso de rápel, paso de río, lanzamento de granadas e percorridos cronometradas.
Estas condicións de espazo e tempo son as mesmas que na edición de 2013, na que se introduciu unha novidade que este ano se consolida e volve máis estrita. Trátase da limitación de franxas horarias para cada das tres fases nas que está repartido o percorrido: doce horas entre Tui e a base Xeneral Morillo, dez horas entre a base e Padrón e doce horas entre Padrón e Santiago de Compostela.
Ademais, hai dúas paradas obrigatorias de descanso unha hora cada unha en Figueirido e Padrón e catro mini descansos de 10 minutos para avituallamento ao longo de toda a proba, segundo indicou este xoves, durante a presentacion do concruso, o xefe de operacións da Brilat, o comandante Carlos Molina. Ao termo da presentación, o xeneral da Brigada, Luis Cebrián Carbonell, destacou que a proba "va ganando adeptos y va a más", como mostra que é a edición de maior número de patrullas.
Será tamén a edición máis dixital, pois empregaranse dispositivos electrónicos para o control do tempo e da ubicación ds patrullas, de tal xeito que se sabrá en cada momento a súa situación exacta, e a proba irase contando a través das contas de Facebook e Twitter do Exército de Terra e das Forzas Lixeiras.
Relacionadas:
-
E menos de 24 horas despois... a Catedral dálles a benvida
Por Natalia Puga |
-
25 patrullas de 15 unidades militares de España e USA percorrerán o Camiño de Santiago
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
22 patrullas militares finalizan con éxito a Tui-Santiago no seu ano con máis participación
Por Redacción |
-
Nin a chuvia os detén: peregrinación militar a todo gas a Santiago
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |