Interrompen o tráfico ferroviario entre Pontevedra e Portela por un atropelo en Lérez
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O tráfico ferroviario entre a estación de Pontevedra e o apeadeiro de Portela (Barro) viuse interrompido este mércores a consecuencia de que unha persoa foi arrolada na vía nun accidente rexistrado sobre as 19.15 horas na parroquia pontevedresa de Lérez.
Fontes da Policía Local de Pontevedra confirmaron que un tren atropelou unha persoa que estaba neses momentos na vía, de modo que inmediatamente se despregaron todos os efectivos de emerxencias. A persoa atropelada, un varón de 41 anos, faleceu no acto.
O falecido é un veciño de Marín e a Policía Nacional abriu unha investigación para determinar as causas do sucedido. Ata o momento, non se descarta ningunha hipótese. Ás 21.00 horas aínda non se producira o levantamento do cadáver, segundo fontes da Policía Nacional.
O atropelo produciuse á altura da ponte sobre o río Lérez situado un pouco antes do barrio de Monte Porreirio, ao pé da praia fluvial dePontevedra, pero na beira pertencente xa á parroquia de Lérez. Ata o lugar desprazáronse efectivos sanitarios, as policías Local e Nacional e operaios de Adif e Renfe.
O incidente afectou, nun primeiro momento, a dous trens de media distancia A Coruña-Vigo e Vigo-A Coruña. O tráfico entre Pontevedra e Portela suspendeuse, de modo que os pasaxeiros se trasladaron por estrada entre ambas as dúas estacións e alí se incorporaron a outros trens cara ao seu destino.