Unha modificación de crédito eleva o presuposto municipal ata os 70 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A Corporación municipal, coa abstención do PP, aprobou no pleno deste luns unha modificación de crédito por 4,1 millóns de euros.
A modificación inclúe dúas pequenas partidas: unha de 50.000 euros destinada ás obras de emerxencia que se realizaron no pavillón de deportes e outra de 127.000 euros correspondente ao terceiro prazo do plan Monte Vivo. O resto, un total de 3.993.000 euros, destinaranse a pagar a sentenza do Gafos. Con este mesmo propósito xa depositáranse hai algún tempo 1,3 millóns.
Segundo explicou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, a modificación de crédito faise con fondos propios e sen alterar outras partidas, "con cargo a remanentes líquidos de tesouraría" incrementando o presuposto municipal ata os 70 millóns de euros.
O goberno local adopta esta decisión "aconsellados polos asesores xurídicos municipais" despois de que unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenase o Concello de Pontevedra por usurpar un terreo cando se construíu o parque lineal do río Gafos.
A valoración final está a ser obxecto de recurso, pero con esta acción o Concello evítase que sigan sumando os intereses e o recargo. A cantidade depositada é a estimada nun recente auto.