Ana Miranda: "Cañete é un machista, espero que non sexa Comisario de Igualdade"
Por Redacción & Diego Torrado
A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, expresou o seu desexo de que o líder da candidatura do PP ás eleccións europeas, Miguel Arias Cañete, "non" sexa Comisario de Igualdade". Miranda referiuse deste modo ás declaracións do político popular no programa de Antena 3, 'Espejo Público' nas que dixo sobre o seu cara a cara televisivo coa súa adversaria socialista, Elena Valenciano, que el debate con una mujer es complicado. Si demuestras superioridad intelectual o la acorralas, es machista.
"As palabras de Cañete son as dun home machista, creo que desvirtúa outros homes que non o son", insistiu Ana Miranda que foi membro da comisión de xénero do Parlamento Europeo. "Espero que non se presente para ser membro desa comisión nin tampouco que sexa comisario de igualdade porque sería unha deshonra para todas as mulleres galegas, do estado e europeas", dixo, e apostillou "Cañete é un machista".
A candidata nacionalista, que participou nun mitin en Pontevedra xunto ao voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, e ao alcalde pontevedrés, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, tamén criticou a Arias Cañete, por "cambiar a lei para permitir que Ence seguise contaminando a ría de Pontevedra".
Tamén houbo referencias para o líder dos populares galegos. A candidata do Bloque mofouse de que Feijóo non coñeza a obra inaugural do Día das Letras Galegas e leulle varios poemas de Rosalía de Castro no mitin de Pontevedra.
<spantimes new="" roman',="" serif;="" font-style:="" italic;"="">"Millán Món é un veraneante pontevedrés do barrio madrileño de Aravaca que só ven a Galicia de terraceo
Miranda denunciou que "asistimos nos últimos anos a unha planificación por parte do PP para extirpar o galego desta sociedade e homoxeneizar lingüisticamente todo o territorio español".
Tras poñer a Pontevedra, cun alcalde nacionalista á fronte, como exemplo de cidade que se revela e loita contra as políticas da troika, Miranda, dixo que "a troika en Galicia se chama Feijóo", porque ao seu xuízo, "só representa aos ricos e ás grandes empresas do IBEX, a esa minoría que provocou a crise," denunciou.
Moi aplaudida foi a súa referencia a Millán Món de quen dixo é "un veraneante pontevedrés" do barrio madrileño de Aravaca que só vén a Galicia "de terraceo", polo que concluíu que "non hai nada máis inútil para Galicia que votar ao PP".
Finalmente Ana Miranda insistiu na súa mensaxe de campaña, que "o BNG é o equipo da casa" e que vai dar á cara por Pontevedra en Europa.