Urbanismo afronta a reforma do barrio de San Antoniño
Por Redacción
O barrio de San Antoniño verase reformado ao longo dos próximos meses, segundo anunciou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, que anunciou os proxectos que se van a acometer nas rúas Gerardo Álvarez Limeses e Víctor Cervera-Mercadillo. Ademais, o portavoz do grupo municipal socialista tamén avanzou a previsión das obras da segunda fase da reforma integral na rúa Blanco Porto. Todas estas actuacións contarán cun orzamento de 519.000 euros e o prazo de ejecución será de catro meses, agás no caso de Álvarez Limeses que se prolongará durante un mes máis.
Antón Louro anunciou que a previsión é que as obras estean adxudicadas antes do verán e rematadas antes de finais deste ano. A rúa Víctor Cervera Mercadillo contará cun orzamento de partida de 134.000 euros e, trala reforma, quedará sen prazas de aparcadoiro. Pola súa banda, na rúa Gerardo Álvarez Limeses, segundo anunciou o arquitecto municipal Anxo Velando, poderíase crear algunha praza máis de estacionamento das 24 actuais nun proxecto que conta cun orzamento de 227.000 euros.
Antón Louro subliñou que todas as obras inclúen a renovación total dos servizos soterrados como auga e saneamento, ademais de mellorar a rede de iluminación pública que pasará a estar constituída por luminarias soportadas por báculos no bordo das beirarrúas.
Por outra banda, na rúa Blanco Porto, o orzamento de licitación alcanzará os 156.600 euros para unhas obras que se executarán en catro meses e completarán a reforma da rúa entre Cruz Gallástegui e Joaquín Costa.