A Xunta prohibe ata novo aviso as queimas de restos agrícolas ou forestais
Por Redacción
A Xunta de Galicia fixo pública este venres a prohibición de realizar queimas de restos agrícolas ou forestais na Comunidade ata novo aviso, dadas as condicións actuais de temperatura e vento e as previsións para os próximos días.
Nun comunicado a Consellería de Medio Rural advirte que este aviso implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, que carecerán de validez.
Quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos
A decisión foi tomada tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados en detalle os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de incendios. A normativa, recordou a Xunta, prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan "dificultar o seu control", especialmente os días de vento.
Finalmente, Medio Rural aproveitou para solicitar a colaboración cidadá para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade incendiaria da que teña coñecemento.