Pais e alumnos do colexio Xunqueira 1 protestan ante o esquecemento das institucións
Por Oskar Viéitez
Levan anos soportando unha serie de deficiencias no centro e esgotóuselles a paciencia. Fartos de pedir unha solución sen que ninguén resolva o problema, pais e alumnos do colexio Xunqueira 1 protagonizaron este venres unha protesta á entrada do recinto escolar.
Portando flotadores e xoguetes de praia, os manifestantes recordan que cada vez que chove o patio do colexio se inunda e os accesos quedan inutilizables. Ademais carecen dun patio cuberto, o salón de actos non reúne as condicións axeitadas, o comedor está en metade do salón de actos, falta persoal de limpeza, charcos o pavimento cuarteado, citan entre outros moitos problemas que figuran nun listado remitido ao Concello e á Consellería de Educación.
"Ven reclamándose dende xa fai anos, e como non vemos unha solución inmediata fixemos unha recollida de sinaturas e esta xuntanza para presionar aos responsables para que se fagan cargo do problema", ao redor de 400 firmas levan recollidas, explícanos unha das voceiras da mobilización.
Puntualizan que a reclamación "non vai dirixida contra ninguén". Indican que xa foron recibidos polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández, que lles comprometeu un arranxo "pero ás cousas van moi lentas" e a solución aínda non chegou. Peor téñeno coa Xunta de Galicia, con cuxos responsables nin sequera puideron poñer en contacto, informan estes voceiros "a Xunta non está nin se lle espera".
O presidente da Anpa do Centro explicou que ata agora seguiron a canle formal, entregando todas as solicitudes por rexistro e esperando un resultado que non chega. A concentración deste venres, que conta co apoio do claustro de profesores, é produto desta falta de resposta.