22 socorristas vixiarán as praias de Marín en xullo e agosto
Por Redacción
Un total de 22 profesionais encargaranse da vixilancia das praias de Portocelo, Mogor, Aguete e Loira, no termo municipal de Marín, durante os meses de xullo e agosto. Trátase de 18 socorristas, tres patróns de embarcacións e un coordinador.
A contratación realizaraa o Concello de Marín e ao longo dos próximos días publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases que regularan os procesos selectivos. As probas terán lugar no mes de xuño.
Inclúese dentro dos servizos xerais que poñerá en marcha nas praias do muncipio ao longo da tempada alta. O Concello sostén que con estes servizos conseguirá de novo poder ofrecer unhas praias que ano a ano sexan o seu maior factor turístico e unha mellora constante dos seus servizos.
Ademais, nos últimos días abríronse as plicas da contratación dos quioscos nas praias de Portocelo, Mogor, Aguete e Loira, estando soamente pendentes da formalización das adxudicacións para que poidan iniciar a súa actividade.
Esta actuación únese á recente adxudicación do Bar de Portocelo. Ten formalizado o contrato de adxudicación dos servizos, o que posibilita a súa apertura para o próximo venres. Esta infraestrutura municipal vai ser explotada por un particular que asinou un contrato de servizos dunha duración de dous anos prorrogable por outros dous.