O Foro Turismo de Sanxenxo buscará fórmulas para reinventar un destino turístico
Por Oskar Viéitez
Este xoves presentouse o Foro Turismo de Sanxenxo 2014, que pretende presentar as novas tendencias do sector dende unha visión global buscando ideas, fórmulas e ferramentas para continuar reinventando un destino turístico.
Para iso é preciso estar en movemento continuo, anticiparse aos cambios, observar as novas necesidades dos turistas, estudar os movementos da competencia e coñecer os adiantos da tecnoloxía, cuestións que abordará este foro que ten unha periodicidade bianual. Esta é a súa terceira edición.
O Consorcio de Empresarios Turísticos e a empresa Turismo de Sanxenxo, organizadores deste foro, confeccionaron un programa no que abordarán os retos e tendencias do turismo na era dixital, a creación de marca e diferenciación hoteleira, as novas tendencias na xestión de destinos ou o novo papel dos produtos enogastronómicos como xeradores de valor en destino.
O obxectivo é contribuír á mellora do sector a través da reflexión colectiva
O obxectivo é contribuír á mellora do sector a través da reflexión colectiva e o intercambio de opinións e experiencias, converténdose nun evento de referencia en Galicia e con repercusión no resto de España.
Para iso achegarase información actualizada e relevante que sirva de apoio para optimizar a rendibilidade das empresas turísticas, máxime nunha época de crise económica, contribuíndo ao fomento do emprego das novas tecnoloxías e a innovación neste ámbito.
Segundo se explicou durante a presentación, o foro está dirixido a empresarios turísticos do sector de aloxamento, restauración, viaxes, empresas de intermediación e ocio, ademais de planificadores e técnicos en turismo, tanto das administracións locais, como comarcais, provinciais ou rexionais.
A cita tamén é unha boa oportunidade para emprendedores, estudantes, diplomados e licenciados con orientación académica centrada na actividade turística, empresarial ou en áreas de coñecemento relacionadas co turismo.
O Foro Turismo de Sanxenxo 2014 que conta co apoio de Turismo Rías Baixas-Deputación de Pontevedra, terá lugar entre o 29 e 30 de maio no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo.