Alerta amarela na costa por ventos fortes
Por Redacción
A borrasca situada na zona de Irlanda vai afectar a Galicia durante esta xornada do martes 20, deixando fortes ventos no mar e nas zonas costeiras atlánticas nas que se establece a alerta amarela. Segundo apunta o servizo de Meteogalicia, as chuvias estenderanse dende o litoral a toda a Comunidade durante a tarde.
Os ventos van soprar fortes do sur e do sudoeste.
E as temperaturas mínimas ascenderán de xeito moderado ou notable mentres que as máximas non van experimentar cambios significativos oscilando entre os 13 e os 15 graos centígrados.
Para mañá, mércores 21, a situación será anticiclónica. Non obstante chegará o mar de fondo da borrasca dos últimos días, con ondas que no litoral atlántico superarán os 4 metros de altura. Estará declarada a alerta laranxa nas costas.