Jorge Cubela: "En plena crise, estamos a sacar adiante os proxectos que non se conseguiron en época de bonanza"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O próximo 22 de maio cumprirá tres anos á fronte do Concello de Cotobade e chega ao aniversario recén elixido, por unanimidade, presidente do PP local. Jorge Cubela, o que no ano 2011 se converteu no alcalde electo máis novo de España con tan só 22 anos fai balance da súa xestión e os seus plans futuros.
En 2010 propuxérono por aclamación candidato á Alcaldía e agora elixírono por unanimidade presidente local do PP. Que significa este apoio para Jorge Cubela?
Teño que dar as grazas aos case 300 afiliados que ten o PP en Cotobade por elixirme por unanimidade presidente nun congreso no que se viu xa un relevo xeracional no partido, que é o que se promoveu naquela asemblea de setembro de 2010 na que os propios militantes, persoas de 70, de 40, de 60 anos, unanimemente, me propuxeron como candidato á Alcaldía. Este congreso vén a escenificar a unión que no seu día formalizaron Luisa Martín e Pepe Barros en torno á unión do partido e eu recollo esa luva co cariño de ter contado con todos. Foi unha candidatura de integración que se renova un 40% e que se integra a moita xente nova. O secretario xeral ten 28 anos e iso demostra en que sentido vai o noso proxecto.
En que se traduce ese relevo xeracional? Segue sendo o membro máis novo?
A idade media son 45 anos e eu son o segundo máis novo do comité. Integramos un rapaz de 16 anos que é o máis novo. O PP fixo un esforzo de renovación e, sobre todo, de xenerosidade por parte da xente veterana do partido. Eu vinme con todos os adxectivos posibles: positivo por parte dos militantes; xenerosidade por parte dos que estaban e, sobre todo, apoio de nova xente. E unha media de idade de 45 anos está moi ben, temos que ter en conta que hai que apoiar ao sangue fresco, pero non podemos deixar de contar coa herba da experiencia. Un comité dun partido máis que nada está para asesorar, para debater internamente e para cumprir os estatutos do partido. Outra cousa despois será a candidatura das municipais.
"Eu creo que puiden simbolizar que a xuventude pode achegar moito, que a responsabilidade non está no DNI senón na persoa"
Case catro anos á fronte do partido e tres como alcalde. Que cambiou neste tempo no PP de Cotobade e en Jorge Cubela?
Xa antes de ser eu candidato, o partido vén sufrindo unha renovación paulatina moi forte dende o ano 2007. A min, particularmente, deume moito que tivesen apostado por min con 21 anos. Se es responsable nese momento, ti tes que ter xa a responsabilidade automática de ser máis responsable porque o que eu non me podía permitir era fallar, xa non só pola xente que apostou por min no partido, senón pola xente da miña idade que pide paso, unha oportunidade. Eu creo que puiden simbolizar que a xuventude pode achegar moito, que a responsabilidade non está no DNI senón na persoa. Rexuvenecer, poñer o contador a cero é poñer o acelerador co punto necesario para poder coller impulso e empezar un proxecto coa ilusión necesaria.
Se bota a vista atrás, ao momento en que o elixiron candidato, que ve de entón e que ve de agora?
Eu tiña claro o que había que facer para gañar as eleccións, percorrín o concello catro veces, invitei a todo o mundo a participar nas reunións das parroquias, elaboramos un programa electoral que agora mesmo se está a cumprir. O que quixen foi, dentro do meu idealismo político, recuperar a teoría contractualista de Rousseau de que o pacto entre a cidadanía e os representantes ten que cumprirse. Viñamos dunha época en que os programas electorais se facían pero Cotobade, nos doce anos previos a 2011, estancouse. Agora mesmo, dentro da situación económica, que é a que é, estamos a sacar adiante os proxectos que non se conseguiron noutra época de bonanza.
Á hora de conseguilo, xogaron en contra, dalgunha forma, a súa curta idade e a súa falta de experiencia?
A falta de experiencia demostrouse que se supliu traballando, xerando ilusión e, sobre todo, negociando e intercambiando os proxectos necesarios coas administracións correspondentes, sobre todo, Deputación e Xunta. Vimos como xente con tanta experiencia como o señor Blanco e outras persoas non deron solucionado durante cinco anos unha obra nunha estrada nacional pola que circulan ao ano 200.000 vehiculos e nós, os mozos, os que viñamos sen experiencia pasada en política, solucionámolo nun mes cun goberno recén elixido nas urnas en novembro. Había xente que facía apostas de que non ía durar dous meses nin seis meses e eu creo que xa levo tres anos asentado, encóntrome no mellor momento destes tres anos, cos proxectos en marcha, comprometidos e creo que imos acabar a lexislatura cun investimento que vai roldar os sete millóns de euros no Concello.
"Agora mesmo o principal punto que nos move aos concelleiros é a crise demográfica"
Que ten por diante neste ano que queda de mandato como alcalde antes das eleccións municipais de 2015?
De aquí a final de ano, a estrada de Almofrei, o campo de tiro e ogallá poidamos poñer en marcha, se os prazos nolo permiten, ese pequeno parque empresarial que imos aprobar xa provisionalmente no próximo Pleno despois de anos de arduo traballo e tramitación. Vaise achegar moito ás previsións que tiñamos. Agora mesmo o principal punto que nos move aos concelleiros é a crise demográfica. Cotobade está entorno a unha poboación de 4.500 habitantes e creo que poderiamos subir tranquilamente 150 ou 200 se facemos unha campaña de empadroamento. Hai moita xente que vive en Cotobade e non está empadroada. Imos ir explicándolle parroquia a parroquia cales son as súas necesidades que se poden ver moito máis solucionadas se están empadroados.
Cales foron os seus principais logros nestes tres anos?
Logros houbo moitos. Estamos a cumprir o programa electoral. Estámoslle a xerar un aforro ao Concello con respecto ao anterior Goberno de 81.000 euros ao ano en dedicacións, antes había catro dedicacións e agora só hai unha. Foi moi soado lograr tombar o tema das canteiras. O tema da focha, algo que ninguén entendía. A pasada fin de semana anunciamos que a Deputación adxudicou o campo de herba sintética para comezar xa as obras. A Xunta de Galicia o venres pasado escollíase Cotobade para un proxecto piloto dun campo de traballo internacional no que vai haber persoas de 27 países. Despois de seis anos tendo nas contas municipais déficit, en 2012 conseguimos superávit. Outros logros foron darlle unha solución definitiva ao centro médico de Carballedo, ter as contas controladas, pagar as facturas aos provedores en 15 días, ser un dos dous concellos da provincia que non lle debe nada ningún banco.
"Estámoslle a xerar un aforro ao Concello con respecto ao anterior Goberno de 81.000 euros ao ano en dedicacións"
En plena crise, como se compaxina a redución de ingresos coa posta en marcha de todos estes proxectos?
Eu atribúo ao noso equipo de concelleiros poder facer tantas cousas aforrándolle diñeiro a Cotobade grazas ao impulso e aos acordos que estamos a ter coa Deputación e a Xunta. Tendo en conta a crise económica, que entendemos que é un freo nalgúns aspectos, estase a ver que este Goberno ten un peso na Administración e se están a conseguir convenios e subvencións que antes non se fixeron e soluciona algo que noutros momentos e outros gobernos non solucionaron.
Haberá quen diga que lle axudou que na Deputación, a Xunta e o Goberno central goberne o seu mesmo partido.
Houbo un bipartito durante catro anos que a min que me expliquen que subvencións houbo das consellerías do PSOE en Cotobade. A min que me expliquen por que un Goberno con ministros socialistas galegos non lle solucionou ao único alcalde socialista que había de Pontevedra a Carballiño a focha da N-541. A min esa xustificación de que non gobernaban os nosos e non puidemos facer nada creo que demostrou que había un Goberno que o único que o mantiña era unha repartición de intereses e nada máis. Para min non houbo unha boa xestión no anterior Goberno, non romperon co 'Monchismo'. Había contratos prorrogados da época do anterior alcalde que nunca se licitaron, non se notou que houbo un cambio de esquerdas en Cotobade e moita xente de esquerdas non se viu representada co bipartito e foi un dos motivos tamén que propiciou o cambio político en 2011.
"A miña vida non é a mesma que a dunha persoa de 25 anos"
Todo este traballo supoño que estará a minar o alcalde a pesar de ter tan só 25 anos.
Agora mesmo isto tómomo como unha aprendizaxe para todo. Tamén teño que dicir que a miña vida non é a mesma que a dunha persoa de 25 anos, estou a disposición as 24 horas para todo o que haxa en Cotobade, actos sociais, relixiosos, culturais, políticos. A xente pode dicir: Jorge, non tes tempo nin de tomar unha caña. Esa é a parte mala. Pero a satisfacción de poder cumprir cun veciño e de arranxar un problema e de conseguir un investimento por parte dunha Administración no teu Concello suple todas as carencias que hai a miña vida persoal.
Segue con ganas de repetir?
Si. Non vou andar con medias tintas. Ser politicamente correcto nestas cousas non vai comigo. Eu estou a traballar para que o meu partido conte comigo en 2015 e presentarme á reelección coas expectativas de seguir traballando da mesma forma. Esperemos que a situación económica cambie dunha vez por todas e tamén que iso nos permita rematar neses dous mandatos todo o proxecto político que temos para Cotobade.
Que pasaría se lle puxesen sobre a mesa unha oferta para dar o salto a outra Administración? Debuxóuselle como o delfín de Rafael Louzán, de Alfonso Rueda...
Que se fale sempre é bo, pero eu agora teño claro que o meu proxecto en Cotobade non está rematado, queda moito por facer e no partido hai moita xente preparada, moitos alcaldes con experiencia que levan moito tempo facendo o seu traballo e que eu espero algún día estar á súa altura. Creo que sería un erro que tratasen de propoñerme algo ao ano ou aos tres anos de ser alcalde. Eu presenteime co apoio dos veciños para cumprir a miña palabra con eles. Agora mesmo hai dous proxectos que teño en mente e teño que sacar si ou si, o polígono industrial e o plan de urbanismo. Cando iso estea en marcha e estea feito, poderei dicir: misión cumprida.
Relacionadas:
-
Ana Pastor respalda a Jorge Cubela, o primeiro alcalde de España que a chamou para pedirlle polo seu Concello
Por Redacción |
-
Cubela presenta o equipo co que aspira a revalidar a maioría absoluta para o PP en Cotobade
Por Redacción |
-
Feijóo comprométese con Cubela a axilizar a aprobación do polígono industrial de Cotobade
Por Redacción |
-
Jorge Cubela, reelexido presidente local do PP de Cotobade
Por Redacción |