Máis de 400 persoas preséntanse aos 50 postos de traballo da Festa do Marisco do Grove
Por Oskar Viéitez
Máis de 400 persoas presentáronse ás probas de selección para traballar nalgún dos 50 postos de traballo da Festa do Marisco do Grove. Serán contratos por 15 días, como máximo.
O Concello optou por contratar persoal externo "para contribuír a crear emprego", desistindo da fórmula utilizada en anos anteriores de recorrer ao persoal municipal para a realización das tarefas de limpeza, atención en postos e organización da festa.
Á hora de seleccionar os traballadores o Concello primou aos que teñen experiencia en hostalaría, prevalecendo a contratación dun só membro de cada unidade familiar, pero fundamentalmente valorouse a situación de desemprego do demandante.
Con todo as críticas dos candidatos excluídos incidiron no "amiguismo" que ao seu xuízo reinou nesta selección.
O persoal seleccionado empezará o venres a traballar.
No Concello do Grove case 900 persoas están inscritas nas listas do paro.