3.194 nenos solicitaron participar nos campamentos da Lanzada
Por Redacción
O éxito dos campamentos de verán que a Deputación de Pontevedra pon en marcha cada ano na Lanzada e no centro Príncipe Felipe quedou patente un ano máis ante a elevada demanda de participación rexistrada.
Así, para os campamentos da Lanzada foron 3.194 as solicitudes presentadas, para un total de 2.200 prazas; mentres que os campamentos polideportivos de Príncipe Felipe, que dispoñen de 300 prazas, rexistraron un total de 524 solicitudes, case o dobre das ofertadas.
O vicepresidente da Deputación José Manuel Figueroa destacou o éxito destas iniciativas e asegurou que os campamentos da Lanzada están xa consolidados entre os mellores de Galicia e probablemente de España e confirmou que as prazas se adxudicarán agora nun sorteo público, como xa se vén facendo nos últimos anos.
As prazas se adxudicarán agora nun sorteo público
Na Lanzada, os campamentos desenvolveranse en 11 quendas de 200 cativos: a primeira do 22 ao 28 de xuño e as seguintes en semanas sucesivas, ata rematar do 31 de agosto ao 6 de setembro.
Estes campamentos están dirixidos a nenos de entre 8 e 13 anos e teñen unha elevada demanda. Neles, os participantes disfrutan de actividades variadas, como teatro, contacontos, xogos e deportes, actividades artísticas e culturais, entretemento nocturno, sensibilización ambiental, actividades na praia e moitas máis.
Pola súa banda, os campamentos polideportivos de Príncipe Felipe desenvolveranse en 6 quendas de 50 participantes cada unha e van dirixidos a nenos de 7 e 14 anos. A primeira quenda será do 7 ao 12 de xullo e o último do 18 ao 23 de agosto.
O prazo de admisión de solicitudes rematou o 1 de abril e agora informaráse da data do sorteo na páxina web. No sorteo daráselle prioridade aos que non participasen nos campamentos o pasado ano.