Segue a reparación de pavimentos danados polos temporais, agora toca Marcón
Por Redacción
O Concello continúa a reparar os estragos causados polo duro inverno pasado, especialmente nas parroquias do rural. A vindeira semana está previsto que comece a reparación dos firmes destrozados polas choivas na parroquia de Marcón.
Comezarán o luns pola rúa das Olivas, segundo acordaron os servizos técnicos municipais co concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gómez.
Os danos causados polos temporais foron estimados nuns 4,9 millóns de euros
Cabe lembrar que os danos causados polos temporais foron estimados nuns 4,9 millóns de euros por parte do goberno local no mes de abril; danos localizados tanto na área urbana como na rural.
Precisamente daquel balance xa se adiantaba que sería preciso un investimento de 2,8 millóns de euros en novas pavimentacións ou reparacións nas vías do rural. Para os parques e vías urbanas sería arredor de 1,5 millóns.
Este balance sempre queda a expensas dos danos agochados, que se irán coñecendo co paso do tempo, e imposible de prever nestes momentos.