Róubanlle 4.500 euros ao descoido facéndose pasar por captadora dunha ONG
Por Redacción
Un cidadán de Pontevedra foi vítima o pasado día 7 de maio, mércores, dun roubo na rúa García Camba tras saír dunha sucursal bancaria sobre as 13:00 horas.
Segundo informa a Policía Nacional, a vítima acaba de retirar do banco 4.500 euros cando se dirixiu ao seu vehículo, estacionado nas inmediacións.
Alí deixou o sobre cos cartos no asento do copiloto e antes de arrancar unha moza achegouse ata a ventá, cartafol en man, solicitándolle unha firma para unha suposta asociación que traballa con persoas con discapacidade.
Tras acceder á petición de asinar, esta moza marchouse, decatándose o condutor de que se levou o sobre cos 4.500 euros, polo que denunciou os feitos en comisaría.
ADVERTENCIA DA POLICÍA NACIONAL
Este roubo, unido a situacións similares acontecidas nos últimos meses, motivaron que a Policía Nacional queira lanzar unha advertencia á cidadanía coa intención de que extremen as precaucións.
Segundo puideron constatar os axentes, existe unha recurrente presenza na cidade de persoas, normalmente mulleres, que se dedican a solicitar donativos para supostas asociacións que son utilizadas como distracción para roubar carteiras, bolsos, xoias ou obxectos similares.
A este respecto a Comisaría Provincial recibiu queixas de cidadáns que foron abordados en diferentes puntos da provincia.