Urbanismo ordena a suspensión preventiva da actividade de catro locais de lecer nocturno de Sanxenxo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo, a través do departamento de Urbanismo, ordenou a suspensión preventiva da actividade de catro establecementos de lecer nocturno situados no Porto Deportivo Juan Carlos I debido ao incumplimiento da Ordenanza Municipal de Protección do Medio Ambiente e contra a Contaminación Acústica. E é que a Unidade de Disciplina Urbanística constatou anomalías no sistema de control de son destes locais ou a falta de recepción dos datos emitidos polo sonógrafo registrador e o limitador.
Nas resolucións recóllese que, tal e como dispón o artigo 10.2 da normativa municipal, os dispositivos sonógrafo-registrador, de obrigada instalación naqueles negocios que produzan unha perturbación por ruído ou vibracións por máquinas, fontes musicais ou actividades que xeren niveis non constantes, deberán remitir os datos diariamente ao sistema de inspección contratado pola Administración local considerándose a falta de recepcións dos mesmos así como a existencia de calquera incidencia que atinxe ó funcionamento correcto do dispositivo, como suficiente para a suspensión preventiva da actividade.
Tras recibir as correspondentes notificaciones estes catro negocios deberán permanecer pechados mentres os seus responsables non procedan á verificación e presentación na Casa Consistorial da documentación que acredite o correcto funcionamento da emisión dos aparellos, así como a recepción dos datos enviados ao sistema de inspección, certificación que terá que ser emitida polo técnico de mantemento do dispositivo.
INCUMPRIMENTO DO HORARIO
Doutra banda, Urbanismo incoou tamén 17 expedientes sancionadores a nove establecementos de lecer por exceder, tal e como constatou a Policía Local, o horario máximo de peche permitida pola Orde de 16 de xuño de 2005, pola que se determinan os horarios de apertura e peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta norma establece que as discotecas, pubs e café-bar deben pechar ás 05.30, 04.00 e 02.30 horas, respectivamente, ampliándose o horario en media hora as noites dos xoves, venres, sábados e domingos e as dos festivos e as anteriores. Á súa vez, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza autorizou, co informe previo favorable do Concello de Sanxenxo, a sete deles o aumento en sesenta minutos desta franxa de actividade en Semana Santa, que foi excedida.
O exceso nos horarios sinalados constitúe unha infracción leve contemplada no artigo 26 da Lei Orgánica 1/1992, de 21 de febreiro, de Protección da Seguridade Cidadá, podendo ser sancionada cunha multa económica. Ademais, a comisión de tres faltas deste tipo nun prazo dun ano consideraríase grave derivando ata en clausúra temporal do local durante un período de seis meses.