Peregrinos ilustres que poñen de moda a ruta xacobea
Por Redacción
Cando un persoeiro público percorre unha parte, por pequena que sexa, do Camiño de Santiago, a súa peregrinación convértese en noticia de forma case que automática, o que provoca un "efecto chamada" que pode atraer a un importante número de visitantes.
Esta é unha das principais conclusións ás que chegaron o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Manuel Baamonde e o docente da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Fermín Galindo, despois estudar a relevancia que pode ter para incrementar o turismo xaponés en Galicia a visita en Santiago, en xuño de 2013, do príncipe Naruhito.
Nesta mesma liña, Baamonde e Galindo xa comprobaran en 2010 a incidencia que tivera a presencia en Santiago do Papa Bieito XVI, que centrou máis do 30% das noticias que se publicaron sobre o Ano Santo en catro dos principais diarios estatais.
"Un dos activos máis importantes que ten un territorio para diferenciarse é que personaxes públicos o recomenden", sinala Baamonde, coautor xunto con Fermín Galindo dun artigo no que presentan os resultados da análise cualitativa que realizaron da repercusión na prensa autonómica e estatal da visita do herdeiro do emperador do Xapón, publicado no último número da revista Sphera Pública.